Diario da desescalada: “para quen e por que tocamos música?”

Tamara Lorenzo, pianista residente en Alemaña, conta a experiencia do primeiro concerto post-coronavirus e a incerteza dos traballadores da cultura ante a crise

Tamara, bromeando ante un busto de Brahms. SAVINA KATIONI

Despois do primeiro brote do coronavirus, de meses de anguria e de corentena, a desescalada trouxo de volta os paseos ao aire libre, os encontros, as cervexas nas terrazas dos bares ou as comidas en familia. Todas actividades polas que deveciamos despois de meses de confinamento. Tamén trouxo de volta a música, que nunca marchara, pero que durante a reclusión reivindicou quizais máis ca nunca a súa importancia nas nosas vidas, a súa capacidade para emocionarnos e para facernos recoñecer os nosos sentimentos e vivencias nos sons que compoñen e interpretan outras persoas.

Tamara Lorenzo Gabeiras, natural de Ortigueira pero que viviu boa parte da súa vida na Mariña Lucense, na vila de San Cibrao, exerce como pianista no Teatro de Meiningen, en Alemaña. Estes días cóntame que regresará aos concertos dun xeito un tanto especial, virtual. Pregúntolle se falamos á volta do recital para que comparta a súa experiencia, a da emoción dunha música que volve ao oficio, ou alomenos a unha parte del, porque os ensaios non cesan.

O PECHE DO TEATRO

Cando comezaches a ter novas do coronavirus e da súa importancia en Alemaña?

As primeiras noticias colléronme no medio dunha “desintoxicación cibernética”. Así que, ao non usar as redes sociais, non ler as novas en internet e non ter tele (só radio en alemán) non me enterei moito da gravidade da situación. Chegoume ao inicio de oídas por medio dos meus companeiros, ata que comezaron os rumores de que podería pechar o teatro ao público e afectou á estrea prevista para o 27 de marzo da ópera na que estaba traballando. A incerteza de se poderiamos seguir ou non e o pánico con que o vivían os meus companeiros (continuamente mirando as estatísticas do Robert Koch Institute) fíxome pouco a pouco caer na conta de que tranquilizarme pensando que era unha gripe máis xa non era un argumento crible.

Afectou moito na rexión onde vives?

Turinxia foi unha das zonas menos afectadas de Alemaña. Quizais por ser bastante rural e polo tanto cunha densidade de poboación menor e unha poboación máis dispersa.

Traballas no cadro de persoal musical habitual do Teatro de Meiningen.

Así é, traballo como repetiteur. Este traballo abrangue varias facetas: “coach” de cantantes, que vén sendo axudar aos vocalistas a aprender os seus papeis nas diferentes óperas (tanto a parte musical como na pronunciación do idioma no que estea escrita), tocar o piano en concertos sinfónicos e recitais; tocar o piano na orquestra do teatro se as obras necesitan do instrumento, tocar durante os ensaios escénicos (nos que o piano substitúe a orquestra) e interpretacións en concertos ou proxectos para os que me precisen, como por exemplo o recital online do pasado domingo.

OS ENSAIOS

Como acollestes a nova de que se pechaba o Teatro? Cales son as perspectivas de futuro?

Con moita ansiedade e incerteza. Pensamos que isto ía durar pouco e que todo volvería á normalidade axiña. Pero xa pasaron tres meses e aínda non sabemos se o teatro poderá abrir ao público na seguinte tempada, que comeza en setembro. De todas formas, de portas para adentro seguimos moi activos, preparando posible repertorio que cumpra cos requisitos de elenco e grupo musical reducidos e que sexa factible cumprindo coas normas de distanciamento físico.

“NON SABEMOS SE O TEATRO PODERÁ ABRIR AO PÚBLICO. PREPARAMOS REPERTORIO QUE CUMPRA COS REQUISITOS DE ELENCO”

Como é a preparación?

Continúa a preparación individual e en grupos moi reducidos (sesións individuais coas cantantes, gravacións de música de cámara para manter as redes sociais activas…). Pero os ensaios da orquestra e do coro tiveron que parar ata novo aviso. Este mes de xuño nas redes sociais do teatro ofrecerán gravacións de concertos en pequeno formato gravados o mes pasado coa idea de manter a conexión coa audiencia.

Imos comezar a traballar nunha ópera contemporánea dun compositor inglés para tres cantantes e oito instrumentistas. A intención sería abrir a tempada seguinte despois do verán en caso de non poder estrear a ópera na que estabamos a traballar en febreiro e marzo. E as que viñan despois que tiveron que ser canceladas.

MEININGEN, UNHA CIDADE DA MÚSICA

Cantos músicos sodes?

A orquesta ten 64 membros fixos aos que se unen reforzos dependendo das necesidades do programa musical. O grupo de cantantes solistas tamén é fixo e conta con 15 integrantes. A miúdo veñen cantantes convidados se o teatro non conta coa voz axeitada para un determinado papel. Na parte de preparación musical somos tres pianistas, dous directores de orquestra e o director musical xeral. O teatro tamén conta con teatro de marionetas, ballet (que ten a base no teatro de Eisenach) e teatro propiamente dito cun elenco permanente de 19 actores. De feito, os inicios do teatro son o teatro escénico. O Duque Georg II que comezou a compañía era un gran afeccionado e dise que a súa compañía foi a precursora do método de actuación de Stanislawski.

“a nosa orquestra ten 64 membros fixos e o teatro conta con marionetas, ballet e grupo teatral”

Que pezas tocastes?

O programa incluía as “duas sonatas para clarinete e piano opus 120” e o trio para piano, clarinete e violonchelo op. 114. Estas pezas son de especial importancia para a cidade de Meiningen. O compositor alemán Johannes Brahms decidira deixar de compoñer cando a raíz de escoitar ao clarinetista da Orquestra de Meiningen (Meininger Hofkapelle), quedou tan abraiado do seu son que decidiu escribir estas obras para o seu instrumento. A relación de Brahms coa orquestra xa viña de antes. Aquí estreou por exemplo a súa cuarta sinfonía. E atopas bustos, monumentos, rúas e rutas de sendeirismo co seu nome por todas partes!

VOLVER TOCAR

Como viviches a experiencia do concerto online?

Foi unha experiencia moi interesante. Eu teño unha conexión moi especial coas obras que tocamos. En especial coas sonatas de Brahms para clarinete e piano. Na adolescencia toquei o clarinete na Banda Municipal de Viveiro e máis adiante toquei este repertorio (ao piano!) Con moitos dos meus compañeiros e compañeiras clarinetistas do conservatorio da Coruña. Tanto é así que para este concerto meus pais enviáronme especialmente a partitura que fora do meu mestre de clarinete e que utilicei durante o concerto.

“en meiningen, brahms estreou a súa cuarta sinfonía. atopas bustos del, rúas co seu nome, rutas de seindeirismo”

A preparación foi moi rápida e intensa ao longo de tan só un mes. É un repertorio complicado e hora e media de Brahms sen descanso require un adestramento non só musical pero sobre todo de concentración.

Como foi o formato e a resposta do público?

Totalmente en directo. As persoas que mercaron entrada para velo tiveron ocasión de poder repetilo durante os sete días seguintes. Tivemos unha audiencia de algo máis de 100 persoas. A compañía que o organizaba (en colaboración co teatro) Qchamberstream foi creada a comezos de ano a raíz da pandemia e como solución á cancelación dos concertos con asistencia física en vivo. Tendo en conta que aínda se están dando a coñecer creo que non nos podemos queixar da repercusion que tivo.

“teño sorte de vivir aquí. mahler dixo de meiningen que non era unha cidade con teatro senón un teatro arredor do que hai unha cidade”

PREGUNTAS

Que sensacións tiveches?

A maior sensación foi que este novo formato deu lugar a unha gran pregunta interna que aínda teño por contestar. Para quen e por que tocamos. Para o compositor, para servir á música en si (de ser isto, que significa realmente), para a xente, para nós, para o outro músico ou músicos cos que estamos a tocar no momento… e unha vez que nos decidimos por un destes receptores viría a pregunta de “por que?”. Desfrutei moito da experiencia de traballar para este proxecto e de tocar desta forma. E agradezo que provocase o nacemento de todas estas preguntas para as que creo é necesario ter unha resposta clara.

“este novo formato online deu lugar a preguntas internas sobre o meu oficio, para quen e por que tocamos”

Que supón para ti a música?

Hoxe por hoxe é o meu destino e o meu propósito. Por ela é que me movo xeograficamente e tiven a fortuna de atopar un lugar onde a vida parece xirar ao redor dun teatro. O compositor Gustav Mahler dixo de Meiningen que non era unha cidade con teatro senón un teatro ao redor do que hai unha cidade. Segue a parécerme unha fermosa utopía. Digamos que traballo para servila (á música) na medida que me permitan as miñas capacidades en constante mellora.

O FUTURO

Como está a afectarvos aos traballadores culturais a crise do coronavirus?

Temos moita sorte de pertencer a un teatro estatal que recibe subvención da súa propia fundación, da cidade, da comunidade autónoma e do país. Os nosos salarios están a ser pagados normalmente pero a preocupación de ata cando isto será posible, se non podemos abrir este ano, está aí. Os artistas “freelance” están nunha situación máis complicada pero semella que Alemaña dispuxo dun fondo económico para cubrir o seu salario durante esta situacion de emerxencia.

“percibimos os nosos soldos pero hai preocupación por ata cando será isto posible”

Para cando a volta a Galicia?

En condicións normais a tempada do teatro remata a mediados de xullo e volve comezar o 1 de setembro. Este ano quizais poidamos coller vacacións antes (outra incerteza). Se para daquela é posible viaxar conto con pasar o verán en Ortigueira.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here