InicioCulturaCarlos Blanco: "quen moito fala moito erra, pero ameazar por un chiste...

Carlos Blanco: “quen moito fala moito erra, pero ameazar por un chiste é unha barbaridade”

O cómico arousán esgotou entradas para o seu monólogo en Lourenzá, o vindeiro sábado

Publicada o

- Advertisement -

O actor e cómico Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1969) esgotou entradas para o seu monólogo en Lourenzá (sábado, 20.30 horas, casa da cultura). O humorista mostrará o mellor da súa bagaxe nun oficio que practica desde finais dos anos 90. 

Que van poder ver quenes se acheguen a Lourenzá?

Pois o que lle chamo eu unha ensalada, ou se queres, un grandes éxitos (risas), coma os dos cantantes. Trátase dunha hora de actuación na que vou repasar parte do meu repertorio nestes anos facendo monólogos.

“os que veñan a lourenzá poderán ver unha ensalada, ou un grandes éxitos, coma os dos cantantes”

INICIOS

Cando comezou?

Pois haberá vinte anos, porque foi na época de ‘Mareas Vivas’. Comecei nos pubs de Santiago, primeiro vendo a Quico Cadaval e a outra xente, e a partir de aí fun evoluíndo, facendo unha mestura entre todo o que me influíu e buscando a miña propia voz.

Resulta canso retomar monólogos que fai desde hai anos?

Non, para nada. A xente vai ao teatro a escoitar o que coñece e lle gusta e non tería xeito non darllo. Hai vídeos en Youtube que teñen miles de reproducións e os que se achegan ao espectáculo queren oílo da túa boca, igual que pasa cos que van ver un concerto de Jorge Drexler.

“o que eu fago no escenario é xogar. partir dun tema para improvisar. se non é un xogo, non funciona”

Tento que cada noite sexa diferente, partir duns temas para improvisar. O que fago no monólogo é xogar. En inglés, a palabra que se emprega para “actuar” (“play”) é a mesma que se usa para “xogar”. Eu saio ao escenario a desfrutar porque creo que se non é así tampouco funciona. O día que non o sinta así, paro.

O MONÓLOGO

O monólogo é unha arte en voga. A que o atribúe?

Sempre o estivo. O que facemos agora ten que ver moito co stand-up americano, pero no fondo non é máis ca outra rama, unha evolución se queres, do contador de historias tradicional. Eu sinto que veño de Xan das Bolas, do Xestal. O que facía Gila, malia que simulaba unha conversa por teléfono, non deixaba de ser un monólogo.

É moi diferente actuar en pubs a facelo en teatros?

Eu sigo a facer bares, non escapo diso, pero supoño que é unha evolución natural pasar de facelo en recintos pequenos a traballar en recintos meirandes. Síntome privilexiado porque hai algúns anos que normalmente completo os aforos, mesmo pagando entrada, porque creo que hai que valorar este oficio. E os teatros están moi ben; teño feito monólogos en sitios onde a xente pasaba frío. O único que lles boto en falta é que a xente poda ter unha copiña na man (risas).

“o monólogo É UNHA EVOLUCIÓN DO CONTADOR DE HISTORIAS DE SEMPRE. eu veño de xan das bolas, do xestal, de gila”

Para relaxarse. Dicía o cómico Steve Martin sobre os monólogos que quitar as luces que iluminaban ao público foi fundamental; se non, a xente non se ría.

Claro, a xente ten que sentirse relaxada. Para pasalo en grande, mellor se estás de boas. A contorna é fundamental; non é o mesmo contar un chiste nun tanatorio que cunha cervexa na man.

Que opina da polémica que se armou sobre o monólogo de Rober Bodegas e os límites do humor?

Penso que o humor evoluciona, como cambia a sociedade. Xa non facemos humor sobre gangosos e lisiados ou chistes racistas, pero tamén penso que temos a pel algo fina. A xente ten que entender que non é o mesmo o discurso dun monologuista ca o dun congresista. Eu fago ficción, personaxes; póñome na pel dun vello de Balaídos, e cando o fago non podo utilizar un léxico universitario. Podo poñerme na pel dun torturador, dun racista, para provocar unha emoción, e para nada estar de acordo co seu discurso.

“O QUE FACEMOS É FICCIÓN. PODO POÑERME NA PEL DUN TORTURADOR, DUN RACISTA, E NON ESTAR DE ACORDO CO SEU DISCURSO”

Eu ás veces teño ofendido facendo humor, e prefiro desculparme. Son consciente de que quen moito fala moito erra. Pero é unha barbaridade que haxa ameazas de morte ou querellas por un chiste.

‘FARIÑA’

Teño que preguntarlle por ‘Fariña’. Como foi participar na serie para un nativo de Vilagarcía coma vostede?

Pois podes imaxinar. Sempre digo que, para nós, ‘Fariña’ é o noso ‘Cuéntame’, o que explica a nosa infancia.

“SENDO UNHA SERIE, FARIÑA TEN VALOR DOCUMENTAL PORQUE TRATOU AS IMPLICACIÓNS SOCIO-POLÍTICAS DO NEGOCIO DA DROGA”

A que cre que se debe o éxito da serie?

As polémicas que houbo (en alusión ao “secuestro” do libro de Nacho Carretero ou á demanda de Laureano Oubiña contra a serie), mal non viñeron (risas). Creo que o mérito de ‘Fariña’ é que soubo tratar as implicacións socio-políticas do negocio da droga, algo que non sempre se fixo. Na serie sae un presidente da Xunta que se reúne con narcos. ‘Fariña’ é ficción, pero ten un valor documental. E está ben interpretada (risas).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...