A Fundación Sargadelos abrirá ao público o Museo Carlos Maside o vindeiro verán

O padroado impulsará no vindeiro setembro as primeiras Xornadas de Arte e Deseño e quere potenciar actividades nos auditorios do complexo industrial de Cervo

Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. WIKIPEDIA

A recuperación e posta a disposición do público visitante do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, no Castro (Sada); a potenciación de actividades nos renovados auditorios de Sargadelos, en Cervo, ou do Castro, e do Instituto Galego de Información (IGI), en Santiago de Compostela; e a realización dun simposio para o estudo da paisaxe, a arquitectura e o urbanismo de Galicia son algún dos acordos que adoptou o novo padroado da Fundación Sargadelos, que quedou constituído o pasado luns, día 26 de outubro.

Segismundo García, administrador único das empresas, resaltou que “superadas as circunstancias adversas” que atravesara o grupo empresarial de Sargadelos, entende que “é un deber cívico, nestes tempos de pandemia, non amilanarse e acometer proxectos e iniciativas ilusionantes e que, en definitiva, redunden no benestar e mellora da nosa calidade de vida”.

O presidente da Fundación considerou “un luxo” a composición do actual Padroado, agradecendo a incorporación a título persoal do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e dos representantes institucionais da Xunta e dos Concellos de Cervo e Sada, onde Sargadelos ten factorías. Expresou igualmente que, “dada a aptitude e cualificación dos patronos, sería imperdonable que non se obtivesen resultados brillantes”.

A realización dos estudos e xestións necesarias para a apertura ao público das instalacións do Museo Carlos Maside, no Castro de Sada, que conta cunha das coleccións máis importantes de pintura e escultura galega, é un dos acordos adoptados polo padroado. Fixáronse xa prazos para os primeiros pasos neste obxectivo, que suporá a súa apertura o próximo verán“, remarca García.

4.652 PERSOAS VISITARON O MUSEO

A Fundación Sargadelos, “sen ningún tipo de axuda pública”, remarca a empresa, abriu xa aos visitantes o pasado verán as novas instalacións do Museo Sargadelos, que tivo unha excepcional acollida, coa visita de 4.652 persoas. O museo expón pezas e obxectos únicos que mostran as diferentes etapas da emblemática cerámica de Galicia. As obras para esta nova pinacoteca, colindante coa fábrica de cerámica, realizáronse por Sargadelos nas instalacións do antigo Seminario de Formas, que as fábricas adquiriron o pasado ano para a súa posta a disposición da Fundación.

No mes de setembro do próximo ano celebraranse as primeiras Xornadas de Arte e Deseño que “nesta ocasión estarán dedicadas a cuestionar e reflexionar sobre a paisaxe e a arquitectura galega, co fin de prestixiar o noso hábitat e desterrar no posible, malos hábitos que, en ocasións, abochornan ao visitante”, conclúe Sargadelos.

NOVO PADROADO DA FUNDACIÓN

O novo padrado quedou constituído por Segismundo García, presidente; o economista Alberto Leiro, como vicepresidente e tesoureiro; Luís Rodríguez (Lois Caeiro) como secretario; Román Rodríguez, profesor titular da USC e conselleiro de Educación; Bieito Rubido, xornalista; Camilo Díaz, en representación do Laboratorio de Formas. E en representación da Xunta de Galicia e dos Concellos de Cervo e Sada, Anxo M. Lorenzo, director Xeral de Políticas Culturais e os respectivos alcaldes, Alfonso Villares e Óscar Benito Portela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here