A banda estadounidense de heavy metal Slipknot encabezará o cartel da vindeira edición do Resurrection Fest, segundo anunciaron na tarde deste martes os promotores do festival.
O grupo liderado por Corey Taylor, que leva vendidos máis de 20 millóns de discos en todo o mundo, foi un dos máis solicitados polos seareiros do festival ao longo dos anos.
A banda caracterízase polas súas máscaras perturbadoras e por unha posta en escena impactante.
A organización avanzou que o concerto de Slipknot será de produción completa e que soarán os grandes éxitos do grupo.
NOVO ÁLBUM NO 2019
O último disco da formación de Iowa, ‘.5 The Gray Chapter‘, data do 2014. O vocalista, Corey Taylor, avanzou que haberá novo álbum no 2019.
BANDAS CONFIRMADAS
Slipknot únese así a outras 35 bandas confirmadas, entre elas Within Temptation, Cradle of Filth ou Parkway Drive. O festival celebrarase do 3 ao 6 de xullo.