Este mércores (20.30, casa da cultura) presentase en Foz “Un nómada en bicicleta. Pedaleando ao redor do mundo”, un relato pormenorizado da aventura que David Val emprendeu hai dous anos, iniciando unha viaxe que o levou a percorrer 20 países na súa bicicleta Quiscolina.
A vontade de compartir formou sempre parte desta viaxe, durante a que escribiu un diario.
Primeiro subiu as notas subindo á rede e que, polas dificultades para conectarse á internet, acabou converténdose no fío condutor desta publicación, editada por Lar Libros.
“Cada día pasaban mil cousas”, explica Val, que ía anotando as súas experiencias e reflexións cada día, para rexistralas “con frescura” e “país a país”.
NOMADISMO
A aventura tamén é deudora do papel. Concretamente, do libro ‘Into the Wild‘ (Hacia rutas salvajes), baseado na historia dun mozo estadounidense.
Con vintedous anos, tras graduarse, o autor decidiu abandonar o seu estilo de vida e embarcarse nun percorrido en solitario na busca dunha comunión auténtica coa natureza.
“A idea dunha vida nómada atraeume desde adolescente pero non deixaba de ser algo fantasmal. Tiña ese libro desde había anos. Cando mo pediron, relino e pensei: agora podo facelo”, comenta o viaxeiro que acredita máis na predisposición a actuar que na casualidade.
O espíritu do protagonista do libro ‘Into the Wild’, adaptado ao cine, inspirou a viaxe de David Val
O protagonista da novela, adaptada para o cine por Sean Penn, recorre terras norteamericanas cara a Alaska, unha idea que tamén rondou a cabeza de David Val.
Finalmente, optou por dirixirse cara ao sol nacente ao encontro das culturas orientais.
A VIAXE
A noite de San Xoan de 2016 iniciou unha aventura que o levaría a percorrer máis de 18.500 quilómetros coa súa bicicleta Quiscolina como única compañeira de viaxe.
Cruzou Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Serbia, Bulgaria, Turquía e Irán. Saltou en avión Pakistán, país no que non lle deron visado de entrada, e continuou a súa viaxe a través dos inmensos camiños da India e Bangladesh.
Unha segunda viaxe de enlace aéreo deixou bici e ciclista en Singapur, desde onde iniciaron un eslalon polos países de Extremo Oriente: Malasia, Tailandia, Camboya, Laos e Vietnam.
Val percorreu unha vintena de países durante os trece meses que se prolongou a súa viaxe
Outro avión para cruzar o Pacífico e chegar a América do Norte, onde continuou a viaxe con etapas sen fin a través de estradas illadas e desérticas do oeste de Estados Unidos. Desde Phoenix voou a Lisboa onde retomou o pedaleo para volver a Foz polo oeste.
HOSPITALIDADE
A tramitación dos visados marcou os prazos do viaxeiro, que pediu unha excedencia no seu traballo como locutor en Radio Foz e saíu ao mundo na procura de si mesmo.
A súa aventura era obxecto de atención e curiosidade en todas as latitudes pero as preguntas ían variando.
“De onde es? Como te chamas? Cal é o teu traballo? Eso ó que, en xeral, me preguntaban en Europa. Nas culturas orientais, axiña se interesaban tamén pola familia, por se estaba casado ou cal era o motivo polo que viaxaba só”, explica David Val.
“Sorpendeume sobre todo a cultura persa. A xente mira a cara, moito máis do que o facemos aquí. A expresión é franca, honesta”, describe, agradecido pola hospitalidade coa que foi recibido alá por onde pasou.
“Marchei con aforros porque non tes que agardar que cho regalen todo pero a xenerosidade coa que me atopei foi inmensa“.
QUISCOLINA
A elección de Quiscolina como compañeira de viaxe confirmouse como un acerto. “Máis da metade da viaxe fíxoo ela”, di Cal.
“A bici facilitaba a empatía da xente coa que me ía atopando. Utilizar outro medio de transporte crearía unha barreira”, argumenta.
Por iso, de todas as paisaxes e retratos posibles, a portada do libro é unha imaxe de Quiscolina, que soportou toda a viaxe con apenas unhas leves molestias.
“Os cartos nunca foron un obstáculo para min durante a viaxe”
Cal, que xa contou a súa experiencia en diferentes centros educativos, non dubida en compartir os detalles da súa aventura con quen pregunta.
RECADACIÓN SOLIDARIA
“O que poida recaudar coa venda do libro, teño previsto destinalo a algunha oenegué ou causa solidaria“, comenta.
“Os cartos nunca foron un obstáculo para min durante a viaxe e, dalgunha maneira, quero que ese círculo de xenerosidade continúe”, conclúe.