Burela impulsa un certame autonómico de videoclips que ofrecerá 1.200 euros en premios

Poderán participar no concurso, con galardóns en catro categorías, escolas de música e conservatorios de toda a comunidade

Presentación do concurso. AXM

O Concello de Burela pon en marcha o primeiro Certame Autonómico de Videoclips Musicais enfocado a escolas de música e conservatorios, públicos e privados, de Galicia. O goberno local presentou este mércores o concurso, que ofrecerá 1.200 euros en premios.

Establécense catro galardóns: mellor videoclip inédito dotado con 500 euros; mellor videoclip cover (versión) con 250 euros; mellor videoclip en galego con 250 euros e Mellor videoclip elixido polo público con 200 euros. O prazo de presentación de traballos remata o 20 de xuño de 2021.

No acto de presentación participaron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Cultura, José Díaz, o director da Escola de Música de Burela, Xan Carballal, e a actriz barreirense e membro do xurado deste Certame Estíbaliz Veiga.

Díaz explicou que “o certame vai enfocado a escolas de música e conservatorios de toda Galicia. Esperamos que participen moitas delas, o maior número posible. Os videoclips terán unha duración máxima de cinco minutos. O premio do público valorarase cos comentarios positivos dos vídeos que se vaian subindo á canle de Youtube“, indicou. O concelleiro agradeceu a colaboración da escola de música local e do director, Carballal, “que sempre se implica”, e a presenza de Veiga, “unha moi boa embaixadora da cultura para nós aquí na Mariña“.

Díaz esperou “unha alta participación” nun formato, o videoclip, “que cremos que é parte do posible traballo e proxectos das escolas de música e conservatorios. Consideramos que se adapta perfectamente aos tempos de pandemia en que vivimos e que estimula aos centros de ensino da nosa comunidade; actualmente case non poden amosar ao público os seus progresos e esta é unha maneira de poder canalizalos”, argumentou.

BASES

Poderá presentarse ao certame calquera  persoa ou colectivo pertencente a escolas municipais ou privadas de música de Galicia ou pertencentes a conservatorios, sempre situados na mesma Comunidade Autónoma e cuxo  representante supere a maioría de idade. Cada participante concursará cun máximo de cinco videoclips orixinais e inéditos.

“Valorarase a mensaxe social, educación en valores, a calidade sonora, técnica e de imaxe, a interpretación, e a complexidade dos videoclips”, indica o Concello nas bases. As propostas enviaranse ao correo electrónico casadaxuventude@burela.org.

Todos os premios serán decididos polo xurado excepto o do público que valorarán as persoas visualizando todos os presentados no canle de Youtube do Concello de Burela. Para puntualos contaranse o número de comentarios positivos dos mesmos, polo que non será suficiente con darlle “me gusta” ao videoclip á hora de computar os mesmos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here