O cómic sobre o afundimento do Bergantín Palomo e a Fragata Magdalena verá a luz o sábado

Concello e área de Cultura da Deputación presentarán a obra de banda deseñada, elaborada por Primitivo Marcos para o bicentenario do desastre naval e titulada 'Viveiro 1810, augas mortais'

Imaxe da capa da obra. © PRIMITIVO MARCOS

O Concello de Viveiro e a área de Cultura da Deputación de Lugo presentarán o vindeiro sábado o cómic conmemorativo do bicentenario do afundimento do Bergantín Palomo e da Fragata Santa María Magdalena en augas da ría viveirense, un evento que fora celebrado no ano 2010. O acto de presentación da obra de banda deseñada, realizado por Primitivo Marcos Ferreiro, terá lugar o vindeiro sábado, 27 de marzo, ás 12.30 na sala multiusos da Casa do Concello, con aforamento limitado.

A elaboración deste cómic é froito dunha das iniciativas levadas a cabo en 2010 pola comisión creada para a conmemoración do bicentenario do afundimento do Bergantín Palomo e da Fragata Magdalena en augas da ría de Viveiro, 1810-2010.

Algo máis dunha década despois, a obra de banda deseñada, titulada ‘Viveiro 1810, augas mortais‘, verá por fin a luz. “Estivemos á espera todo este tempo e a verdade é que é un gusto poder presentar o cómic e que a xente teña acceso a el”, expón o autor. “Este verán comezamos a traballar na maquetación con Gráficas Lar e estaba listo para novembro, pero non se puido presentar ata agora polo brote de Covid-19“, concreta.

O proceso de elaboración da obra, en branco e negro, levou “algo menos dun ano”. No 2010 do bicentenario, lembra o autor, “fíxose unha exposición con orixinais da obra para poder amosar como se fixo”.

MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE FALECIDOS

Escribir sobre un dos grandes episodios da Historia naval de España, con máis de medio milleiro de falecidos, foi “un reto” para Marcos, que traballou “sobre a Idade Media, en relación co Camiño de Santiago“, e tamén “en cousas sobre o Marqués de Sargadelos e os Templarios e a Illa Coelleira. Historias de non moitas páxinas, pero nada desta magnitude”, salienta.

Así, “o proceso de documentación foi bastante longo e traballoso. Sobre os feitos históricos, estiven lendo libros e artigos, pezas que me achegaron algunhas persoas”, explica. “No ámbito da ilustración, coñecer os barcos, uniformes e lugares, o armamento, tamén requeriu de moito traballo e moito material de consulta”, engade.

“Este é un dos maiores desastres navais da Armada Española, quizais o terceiro; está o da Armada Invencible, e o de Trafalgar, pero logo este. Neste caso non se tratou dun combate; a frota, por cuestións da meteoroloxía, non puido sitiar Santoña; ao regresar a Viveiro, un lugar apacible para repoñerse desa misión fallida, atopouse cunha galerna que os afundiu”, relata Marcos.

O NARRADOR, UN ASISTENTE DO CAPITÁN, BLAS DE SALCEDO

A nivel narrativo, un personaxe serve como fío condutor. “Trátase dun suposto asistente de Blas de Salcedo, o capitán da fragata Magdalena. Non era galego, senón de Guadalaxara, pero traballou no porto de Viveiro como comandante de matrícula. Así que un axudante é o que narra todo o que acontece na historia, para que o acontecemento sexa contado por alguén que non viviu todo, pero que é quen de falar de Blas de Salcedo cando estivo en Viveiro e tamén de cando aparece morto na praia de Covas“, precisa Marcos.

Se a obra foi un desafío maiúsculo, resultou -como viveirense- un traballo atractivo na mesma proporción, di o ilustrador. Tanto que, subliña, “vivo xusto en fronte a onde pasaron todos estes acontecementos”.

PRESENTACIÓN

A presentación do cómic contará coa participación da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro GarcíaMaite Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo; María Rosario San Isidro Franco, secretaria da comisión do bicentenario 1810-2010; Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro e coordinador da comisión do bicentenario 1810-2010; ademais do autor.

Dende o Concello de Viveiro infórmase de que o acto se desenvolverá seguindo as medidas e limitacións establecidas polas autoridades sanitarias por mor do contexto actual. Así, o aforamento máximo para o público da sala na que se celebrará o acto será de 20 persoas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here