Mialma Producióis Creativas e A Central Folque presentarán o vindeiro domingo, na feira Culturgal de Pontevedra, o libro-disco infantil e para adultos ‘A Comuna del Barruzo‘, o primeiro destas características feito en galego-asturiano.
A obra aspira a reivindicar a fala e a cultura comúns do territorio Eo-Navia e inclúe as variantes dialectais de cada municipio.
DEZ CANCIÓNS, DEZ HISTORIAS
Na parte musical, ‘A Comuna del Barruzo’ consta de dez cancións compostas e interpretadas por Ugia Pedreria e Pierrot Rougier, a partir de textos da súa autoría, de poetas da comarca eonaviega como Héctor Acebo, Quique Roxíos ou Belén Rico, e doutros elaborados polo bretón Nicolás Kervazo.
Pedreira e Rougier gravaron as pezas -nas que conviven o rock, o reggae ou as orquestacións clásicas– con Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudos e contaron coa colaboración de músicos como Rosa Cedrón ou Quim Farinha, ademais de instrumentistas da zona.
As letras das cancións fían dez historias de seres máxicos ambientadas no Eo-Navia, con referencias ao patrimonio cultural material da zona, como a industria naviega, a faba ou as casas indianas. Tamén hai referencias a persoeiros da cultura como o gaiteiro Nela de Bres ou Maruja Mallo.
MITOLOXÍA
Personaxes mitolóxicos do territorio eonaviego tamén están presentes no libro-disco, como o Home Marín -o home mariño co que se amedrenta aos nenos en Tapia de Casariego– ou as Xúcaras.
ILUSTRACIÓNS
Os textos de ‘A Comuna del Barruzo’ queren inspirar ao público infantil e adulto para que desfrute da natureza e da convivencia. A encargada de ilustrar todas estas historias foi Mónica Justo.