O Burela FS conquista a pista do Gran Canaria e segue sen coñecer a derrota

Matamoros e Iago Míguez, con dous goles cada un, lideran ao cadro burelés, que mantén a primeira praza da Segunda División

Xogadores do Burela FS. AXM

Distinto ano, mesmo comportamento. O Pescados Rubén Burela FS mantén a súa boa marcha na Segunda División e segue líder, sen coñecer a derrota, despois de conquistar a pista do Gran Canaria.

O equipo burelés adiantouse ao pouco de chegar o descanso cun tanto de Iago Míguez, que marcou no seu regreso ás pistas despois de padecer unha tendinopatía na rótula.

Na primeira metade, o porteiro local Agus foi un muro para un Pescados Rubén que puido cobrar unha maior vantaxe dadas as oportunidades creadas. Con todo, o cadro local deu a resposta á volta dos vestiarios por medio de Álex Rivero.

No minuto 34, Matamoros desequilibrou a balanza. Pouco despois, Iago Míguez aproveitou un erro no xogo de cinco dos canarios para acadar o 1-3. O mesmo fixo Renato, e de novo o pivote madrileño foi o encargado de pechar o resultado.

DEIXA AO BETIS A CINCO PUNTOS

O Burela FS suma así 38 puntos, por 36 do Manzanares, que derrotou a domicilio ao Barça B (3-4), e 33 do Betis, que empatou na pista do Mengíbar (1-1). O equipo de Juanma Marrube medirase na vindeira xornada ao Mengíbar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here