Lucas ‘Chumbo’ e Ian Cosenza levan o primeiro Illa Pancha Challenge

Os surfistas brasileiros impuxéronse a Everaldo Pato e Pedro Scooby na final dun evento que congregou a público en Ribadeo e nas redes sociais

Momento do Illa Pancha Challenge. OMAR SUÁREZ

Lucas ‘Chumbo’ Chianca e Ian Cosenza fixeron bos os prognósticos e levaron a primeira edición do Illa Pancha Challenge, o desafío de surf que reuniu en Ribadeo a varios dos mellores especialistas do mundo na modalidade de ondas grandes.

A parella brasileira derrotou na final do desafío aos seus compatriotas Pedro Henrique Vianna, ‘Scooby, e Everaldo Pato Teixeira. Chumbo, gañador do campionato de Nazaré (Portugal) en 2017, levou o premio polo mellor tubo e o vasco Natxo González o galardón por surfear a onda máis alta.

Fotografías cortesía de Omar Suárez

O premio aos mellores surfistas locais recaeu en Adrián Fernández e no propio Natxo González, que alcanzaron as semifinais, nas que foron eliminados por Pato e Scooby.

Finalmente, Everaldo Pato levou o premio á mellor caída na cresta da onda, tamén coñecido como wipeout. Iván Matos e Marta Mora, da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, encargáronse de realizar os trofeos con plástico reciclado.

Se perdiches o torneo, podes velo ao completo neste enlace.

EXPECTACIÓN EN RIBADEO E NAS REDES

A primeira edición do evento xerou moita expectación na Mariña Lucense, e centos de afeccionados achegáronse a Illa Pancha para comprobar as evolucións dalgúns dos mellores surfistas do planeta.

O evento tamén convocou a miles de seareiros diante das pantallas para seguir a competición en streaming.

INTENCIÓN DE CONSOLIDARSE

Malia que o ‘Panchorro‘ non alcanzou a altura prevista polos organizadores días atrás, o evento ofreceu un espectáculo que espera consolidarse nos vindeiros anos como un trofeo referente do surf en Europa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here