Adrián Ben queda fóra por nove centésimas da final do Europeo sub-23 de Gavle

O atleta viveirense, que quedou sen forzas na recta final e caeu á quinta praza da súa serie, non se puido clasificar por tempos para a carreira decisiva do campionato

Adrián Ben. EFE

Adrián Ben quedou fóra por nove centésimas da final dos 1.500 metros lisos do Europeo que se desputa estes días en Gavle, Suecia.

Na súa semifinal, o corredor natural de Viveiro remontou nos últimos 500 metros para colocarse na segunda praza na recta final, pero quedou sen fuelle no treito definitivo da proba, caendo finalmente á quinta praza, cun tempo de tres minutos, 47 segundos e 78 centésimas. O gañador da serie foi o serbio Elzan Bibic, con 3:47.61.

O atleta viveirense non se puido así clasificar directamente para a final -clasificábanse os catro primeiros de cada quenda– e debeu esperar á segunda semifinal para certificar o seu pase por tempos, dado que había outras catro prazas dispoñibles en función das mellores marcas.

Finalmente, non puido ser. A segunda serie foi máis rápida e o oitavo clasificado, o polaco Patryk Kozlowski, obtivo a última praza para a carreira decisiva parando o cronómetro en 3:47.69.

VIXENTE CAMPIÓN DE ESPAÑA

Quedarse fóra supón un paso atrás para o corredor mariñao nun verán que comezou da mellor maneira, cun ouro no campionato de España sub-23 da especialidade, precisamente por diante doutros compañeiros do combinado estatal, Ignacio Fontes e Enrique Herreros, que si obtiveron un sitio na final.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here