InicioDeportesAdrián Ben, o atleta que corre polos seus

Adrián Ben, o atleta que corre polos seus

O flamante sexto do mundo nos 800 metros lisos de Doha compite co mesmo espírito co que se adestraba polo paseo marítimo de Viveiro, ante a ausencia de pistas de tartán na Mariña

Publicada o

- Advertisement -

Vén de sorprender a propios e a estraños cun sexto posto no Mundial de Doha, na proba máis esixente do atletismo, os 800 metros lisos, case un esprint de dúas voltas á pista, unha tortura para os músculos que o keniata David Rudisha converteu nunha carnicería o día que, despois de acumular decepcións cunha estratexia especulativa orientada a decidir co seu explosivo final, decidiu que correría a tumba aberta desde a saída.

Adrián Ben (Viveiro, 1998), sexto na final dos 800 máis rápida da historia dos campionatos do mundo, o mellor clasificado dos oitocentistas españois na súa estrea nun Mundial absoluto, acumulou apelativos ao longo dos últimos días: ‘Big Ben‘, ‘o depredador paciente‘, ‘o veterano de 21 anos‘. Pero quizais a súa mellor definición veu del mesmo, tras tirar da súa serie clasificatoria practicamente ata o final, cando concorría cunha das peores marcas de todos os participantes na proba: “pensei, se non paso, polo menos vanse acordar de que aquí houbo un tío de Viveiro”.

DA NECESIDADE, VIRTUDE

O mozo presume de viveirense sempre que pode malia que a súa terra natal non foi especialmente propicia para conseguir os obxectivos. Inspirado polo profesor de educación física Luis Ramallal, Ben iniciouse aos sete anos no atletismo e dada a ausencia de pistas de tartán na Mariña Lucense, comezou os seus adestramentos no paseo marítimo da Cidade do Landro ou no campo de fútbol.

 

Aos oito anos, na súa primeira carreira en pista, pensou que o toque de campá significaba a fin da carreira, e levantou as mans para festexar cando comezaron a adiantarlle rivais.

A falta de instalacións obrigouno a ser o máis metódico posible no seu adestramento, recorrendo a vídeos de Youtube nos que analizaba os segredos dos profesionais. Outras veces, concentrábase para simular situacións de carreira.

DESTACAN A SÚA LECTURA DE CARREIRA

Ben demostrou sempre ser unha esponxa. Adestrado polo prestixioso técnico Arturo Martín, no que ten unha “fe cega”, os especialistas destacan hoxe do atleta do FC Barcelona a súa capacidade para interpretar o que ocorre nas carreiras. Na primeira fase, tirou desde o inicio; nas semifinais, non se precipitou tralo arranque do portorriqueño Wesley Vázquez; na final, tampouco perdeu a compostura malia empezar lonxe do grupo para adiantar posicións no desenlace.

O SACRIFICIO FAMILIAR

Ao seu sacrificio para poder soñar con algo grande, a familia respondeu con máis sacrificio; acompañábao en bicicleta para darlle referencias, percorría máis de cen quilómetros ata Lugo para que o rapaz, alomenos un par de veces ao mes, poidese poñer as zapatillas con cravos e adaptarse á superficie.

“Ás veces non me daba conta das barbaridades que facía, pero nunca crin que estivese en inferioridade de condicións respecto a ninguén”, expuxo nunha entrevista co xornalista Iván Díaz Rolle. Semella que, malia a rigorosa e metódica preparación á que someteu desde o seu traslado ao Centro de Alto Rendemento (CAR) Blume de Madrid, Ben segue a correr co mesmo espírito.

“A MIÑA ÚNICA PRESIÓN É NON MALGASTAR O TRABALLO”

O sexto posto nos 2.000 obstáculos no Mundial júnior de Cali do 2015, en Colombia, foi o refrendo das súas posibilidades. Desde entón, a súa carreira foi meteórica e sempre sorprendente. Foi o único representante español nos 1.500 metros lisos -o ‘milqui’ de Fermín Cacho e a proba á que orientou a súa carreirado Europeo de Berlín, sendo o segundo atleta máis novo da proba tralo campión, Jakob Ingebrigtsen. Neste 2019 acabou con 28 anos de sequía para o 800 español, despois de que o último participante hispano na final dun Mundial fose Tomás de Teresa, en Tokio 91.

Malia facer historia, nin os números nin os comentarios parecen afectar ao atleta viveirense, que cunha madurez impropia da súa idade -unha frase que comeza a ser recorrente- hai un mes resumía a súa filosofía nunha entrevista. “Eu corro para os que quero. A miña única presión é que o traballo de tantos meses non se vaia ao traste“, aseguraba.

“A SÚA CABEZA VALE OURO”

Se Viveiro non ten pistas de atletismo, para o corredor ten outro tipo de alicientes. “Ver á miña familia dáme tranquilidade, unha aperta calma moito. Na vila o atletismo queda relegado uns días”, resumía. En Viveiro o espera a súa familia.

Ben insiste en que se prepara para ser corredor “con 26 ou 27 anos, non agora”. “A súa cabeza vale ouro“, di un dos seus primeiros adestradores. Quen sabe se ese metal locirá no peito de Adrián algún día.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...