O Barcelona resultou demasiado rival para o Pescados Rubén FS

O equipo que adestra Juanma Marrube pecha a clasificación de Primeira despois de perder no Palau (7-2) ante un equipo repleto de estrelas

Álex Diz, autor dun gol, sae ao paso de Adolfo. AXM

O Pescados Rubén Burela FS non puido (7-2) co líder provisional da Primeira División de fútbol sala, o FC Barcelona, nun encontro disputado na noite deste venres, correspondente á oitava xornada da Liga na máxima categoría.

O internacional español Sergio Lozano, con tres tantos, foi o protagonista do encontro, tralo que o equipo que adestra Juanma Marrube pecha a clasificación con catro puntos. Dezasete máis ten o equipo blaugrana, que empata no alto da táboa co Movistar Inter.

Arthur, cun disparo lonxano, e Ferrao, con tantos nos minutos 10 e 12, puxeron en vantaxe ao Barça, nuns primeiros compases do encontro nos que o pivote brasileiro foi un pesadelo para o equipo mariñao. O técnico alfocego do Burela FS optou polo xogo de cinco e foi capaz de controlar mellor ao seu rival, que mantivo os dous tantos de renta ao descanso.

Tralo paso polos vestiarios, o Barcelona demostrou de novo a súa calidade e en catro minutos -os que van do 25 ao 28- anotou tres tantos (dous de Lozano e un de Arthur) que puxeron os puntos lonxe do alcance do Burela.

O xogo de cinco volveulle dar ás ao cadro burelao, que conseguiu recurtar diferenzas por medio de Álex Diz e de Luisma, o que obrigou aos locais a pedir tempo morto.

A resistencia do Burela morreu cun tanto de Renato en propia porta. O canteirán non tivo a sorte do seu lado, xa que saíu mancado pouco despois. Sergio Lozano culminou o 7-2 definitivo.

O SEGUINTE, PARTIDO CHAVE CONTRA O ZARAGOZA

Na vindeira xornada, o Pescados Rubén FS recibirá ao Emotion Zaragoza nun partido entre equipos da zona baixa que pode ser chave para a permanencia. O conxunto aragonés tamén xogou este venres; repartiu puntos na casa (3-3) co Córdoba Patrimonio, polo que suma un tanto máis ca os burelaos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here