Adry Ben levará a bandeira do 1.500 español no Europeo de Berlín

O viveirense será o único atleta de España en Alemaña nunha proba de mitos como Fermín Cacho ou Reyes Estévez

Adry, no podio do Campionato de España, coa medalla de bronce. TWITTER RFEA

O atleta viveirense Adry Ben representará a España no Campionato de Europa ao aire libre de atletismo, que se celebrá en Berlín do 6 ao 12 de agosto. O corredor viveirense será o único representante da Real Federación Española nunha proba de tanta tradición coma os 1.500 metros lisos, a distancia de mitos coma Fermín Cacho ou Reyes Estévez

A Real Federación Española de atletismo comunicou na mañá do martes o que parecía un segredo a voces. O viveirense era o único corredor que acadara marca mínima para o Campionato de Europa, cun tempo de 3:39.40, logrado en Castellón.

Participarán en Berlín 96 atletas en representación da Federación Española. AXM

Adry cumprirá 20 anos uns días antes do inicio do torneo, o que engade máis mérito se cabe á súa fazaña. Corredores en plena madurez como Adel Mechaal ou Jesús Gómez, medalla de prata e ouro respectivamente no Campionato de España de Xetafe, foron incapaces de alcanzar a marca mínima estipulada pola federación.

Segundo a Real Federación Española, a idade media da representación masculina no Europeo é de 23 anos, o que dá unha idea do acadado polo corredor viveirense.

CURSO EXTRAORDINARIO

Ben completará coa súa participación no Europeo un ano extraordinario. Ás ordes do técnico Arturo Martín, o corredor do FC Barcelona foi quen de baixar de 3:40.00 e participou por primeira vez nun Campionato de España absoluto, cunha brillante medalla de bronce. O vindeiro capítulo da súa aventura será en Alemaña, no mes de agosto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here