O Burela FS sobrevive ás faltas para rabuñar un punto ante o Jaén

O Pescados Rubén equilibra un partido no que padeceu tres dobres penaltis, dous dos cales acabaron en gol, tras acumular seis infraccións a nove minutos para o descanso

Pitero defende a Piqueras. PESCADOS RUBÉN BURELA

O Pescados Rubén Burela FS rabuñou un punto (2-2) ante o Jaén Paraíso Interior, que chegou a Vista Alegre como sexto clasificado, despois de levantar un encontro que se lle puxo costa arriba ao cargarse axiña de faltas na primeira metade, o que custou tres dobles penaltis, dous deles convertidos polo cadro andaluz.

O conxunto local, necesitado de puntos, comezou o encontro con intensidade e tivo axiña premio, cando Renato, no minuto 3, roubou o balón no borde da área e bateu a Fabio.

Semellou haber certa xustiza poética co xogador caboverdiano, que esta semana colleitou os eloxios do fútbol sala español por unha xogada semellante ante o Parrulo, na que se negou a aproveitarse da situación logo dunha recuperación en falta non pitada polos árbitros. Daquela, o Burela perdeu en Ferrol; desta volta, non houbo infracción e o canteirán anotou o 1-0.

Nun partido intenso, as faltas pesaron de novo ao equipo que adestra Juanma Marrube. Se nas xornadas anteriores Edu salvou varias situacións de perigo por este motivo, esta vez o rival non perdoou. No minuto 11, o cadro burelao cometeu a quinta e a sexa infracción. Carlitos, vello coñecido da Mariña Lucense pola súa etapa no Porto de Celeiro, materializou o dobre penalti no gol do empate.

A sétima falta chegou no minuto 12, e o especialista do Jaén non estivo atinado. Pero con tanto tempo por consumirse do primeiro tempo, as infraccións eran unha mochila demasiado pesada para o Burela FS. O cadro andaluz gozou dun novo dobre penalti a tres minutos do desenlace e Carlitos acadou o 1-2.

O Pescados Rubén FS reaccionou ao revés e tivo o empate nas botas de Matamoros e Álex Diz, a quenes detivo Fabio. Co 1-2 chegouse ao descanso.

GRAN TREITO FINAL DO ENCONTRO

Xa no segundo tempo, os dous equipos tiveron dificultades para crear ocasións nos minutos iniciais, nos que as defensas se impuxeron aos ataques. O conxunto local tivo que agardar ao minuto 34 para acadar o tanto da igualada, obra de Matamoros despois dun rexeitamento de Fabio a un remate de Joselito.

Co 2-2, o Burela deu todo para poñerse por diante no marcador. Matamoros, en dúas oportunidades, e Pope poideron marcar o terceiro dos locais, pero non atinaron. Nos últimos segundos, o Jaén arriscou co xogo de cinco para levar os tres puntos, con Campoy de porteiro-xogador. Foi sen éxito.

VISITA A TUDELA A VINDEIRA FIN DE SEMANA

O 7 de decembro (18.30 horas), o Burela FS visitará ao Aspil Ribera Navarra.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here