Un 0-3 nos primeiros doce minutos frustra ao Burela FS ante o Cartagena

O Pescados Rubén déixase nun mal inicio tres puntos vitais na loita pola permanencia (2-4)

Pixote tenta saír da presión de dous xogadores visitantes. AXM

Un mal inicio custoulle ao Pescados Rubén Burela FS tres puntos vitais (2-4) na loita pola permanencia na Primeira División. O equipo da Mariña Lucense perdeu en Vista Alegre ante o Jimbée Cartagena, despois de encaixar tres goles nos primeiros doce minutos de partido.

Nun partido correspondente á xornada 15, e que fora aprazado polo temporal, os visitantes aseguráronse practicamente manter a categoría con este triunfo, pois suman 27 puntos, e manteñen viva a esperanza de entrar no play off. Con trece queda o Burela FS, que perdeu unha oportunidade de adiantar ao Zaragoza e que segue como pechacancelas da máxima categoría.

Nun encontro considerado case unha final en Burela, o Cartagena golpeou axiña e adiantouse no marcador no minuto 3, por medio de Fernández, que rematou raso tras un saque de banda.

O cadro murciano ampliou a renda no minuto 7, grazas a Mellado, xusto despois de que Pixote tivese a primeira gran ocasión do Pescados Rubén no encontro. Unha perda de balón dos locais no 12 facilitou o 0-3, obra de Mellado. O cadro local tentou refacerse no primeiro tempo, pero non puido sacar proveito da acumulación de faltas do seu opoñente.

No segundo acto, o cadro burelao acosou a portería do Cartagena, con ocasións para Pope e Pixote, que estrelou o seu remate no pau. Coa expulsión de Gabriel, á media hora, alimentouse a esperanza do conxunto que adestra Juanma Marrube, que con todo non puido aproveitar a superioridade numérica.

Raúl frustrou a Álex Diz na penúltima oportunidade para engancharse ao partido do Burela FS, que acto seguido encaixou o 1-4, anotado por Fernández. Con xogo de cinco, Pixote, a dous minutos para o final, marcou o 2-4 que foi definitivo malia as tentativas dos locais.

O 14-M, VISITA AO ZARAGOZA

O 14 de marzo, o Burela FS desprazarase á pista do Zaragoza, un rival directo na loita por manter a categoría.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here