O Burela FSF arrinca coma un tiro na pista do Amarelle

O cadro burelao goleou (0-6) ao conxunto coruñés no derbi galego da primeira xornada de Liga

As xogadoras burelesas posan con pequenos siareiros tralo encontro. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF debutou na recén nomeada Liga Foro 16 Feminismo da mellor maneira posible, cos tres puntos no peto e unha imaxe de solidez tras folgado triunfo na pista do Viaxes Amarelle coruñés (0-6).

O conxunto mariñao demostrou a súa candidatura ao título de Liga no derbi galego e antes do primeiro cuarto de hora de partido xa mandaba no marcador cunha diferenza de tres goles. Dany, Cilene e Luci plasmaron a superioridade visitante no marcador ante un cadro local que regresaba á máxima categoría.

Jenny, Dany de novo e Patri Romaní en propia porta ampliaron a renda do conxunto que adestran Julio Delgado e Lucas.

PINCHA O FUTSI

A falta do debut do vixente campión, o Jimbée Roldán -que se medirá este domingo ao Sala Zaragoza-, a xornada inaugural da Liga Foro 16 Feminismo deixou a primeira sorpresa, o empate do Atlético Navalcarnero (2-2) na pista do Ourense Envialia.

Dado o potencial do cadro ourensán, trátase dun revés que entra na lóxica, pero o Futsi -con xogadoras como Ariane, Anita Luján ou Gaby– está chamado a deixarse moi poucos puntos na presente tempada.

VISITA DO SALA ZARAGOZA

O Burela FSF recibirá na vindeira xornada ao Sala Zaragoza, outro recén ascendido á máxima categoría.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here