Iago Míguez: “foi como volver debutar, volvo con aires renovados e ganas de desfrutar coma nos inicios”

O canteirán do Pescados Rubén Burela regresou ao fútbol sala o pasado venres no amigable fronte ao Palma, despois de 357 días parado por unha lesión de xeonllo

Iago Míguez. PESCADOS RUBÉN BURELA FS

Trescentos cincuenta e sete días. Case un ano xusto tivo que agardar o xogador do Pescados Rubén Burela FS Iago Míguez (Burela, 1991) para regresar ás pistas despois dunha longa lesión: a rotura dos ligamentos cruzado anterior e colateral medial, que se produciu ante o Levante a principios do outono do 2019. Como un neno con botas de fútbol sala novas, o canteirán volveu desfrutar da súa paixón na casa, en Vista Alegre, e diante da afección, no partido amigable ante o Palma Futsal (2-3).

O REGRESO

Como está?

Pois moi feliz, porque despois de tanto tempo, practicamente un ano desde a lesión, culmina un proceso moi longo, duro, despois de moito traballo e sacrificio. Chegou a recompensa e síntome moi contento de volver sentir o fútbol sala desde a pista. Despois de pasar por isto valoras moitas cousas, como o felices que somos no momento que estamos xogando, algo do que non te das conta ata que che falta.

Que lle pasou pola cabeza cando Juanma o avisou de que ía saír á pista?

Lémbrome perfectamente, díxome: “estás preparado?” (ri). Como se despois de tanto tempo, fose practicamente volver debutar. Nunca estivera afastado das pistas tantos días e pisar Vista Alegre de novo foi un sentimento de ledicia que había tempo que non tiña.

Que sensacións tivo durante o encontro?

Moi ben. A verdade é que cheguei con moi boas sensacións, o xeonllo respondeume á perfección. Tiñamos un certo medo, de ver como respondía despois de competir por primeira vez, pero estou ben, sen ningunha molestia. Agora toca tentar coller o ritmo de competición para ter a continuidade que todo deportista precisa, e traballar para poder volver ofrecer o nivel de antes ou se cabe máis.

A COVID-19 E O FÚTBOL SALA

A volta foi especial para vostede, pero tamén para compañeiros e para o público. Tras sete meses sen ver un partido, con aforamento limitado. Como o viviu?

A verdade é que é unha situación un pouco máis fría, un tanto diferente. Dentro da pista estás concentrado ao 100%, afástaste do exterior. Ogallá nun futuro cercano poidamos desfrutar da afección en Vista Alegre e nós con eles.

A LESIÓN

A súa lesión estivo envolta en certa polémica por como se produciu, cunha saída do porteiro un tanto agresiva. Lembra como foi todo aquilo, a lesión e o momento no que recibiu a diagnose?

No momento sabía que tiña algo grave, non era normal a dor que tiña. Pero a verdade é que non pensei que ía ser tanto como foi. Despois de facer a resonancia e recibir os resultados foi un golpe, moita tristura, pensas se poderás volver desfrutar do fútbol sala, porque haise que dar conta de cantos xogadores pasaron por este tipo de lesións tan graves e quedaron atrás. A miña mentalidade desde o principio foi comezar a recuperación da man do club, coa intención de volver, e a poder ser máis forte. Porque isto é duro pero tamén che fai medrar en moitos aspectos; tiven moito tempo para pensar, para darme conta dos sacrificios que conleva xogar ao fútbol sala, que á fin é a miña paixón. Volvo con aires renovados, cunha maneira de desfrutar como o facía nos inicios. Ninguén quere unha lesión, pero se a tes hai que aproveitala para repensar aspectos do deporte e para valoralo máis no tempo que me queda.

A RECUPERACIÓN

Cal foi o peor momento?

O máis complicado é sen dúbida son os días despois da operación. Sintes que tes un xeonllo novo que tes que coñecer novamente, ao que tes que adaptarte. Esa etapa na que tes cero mobilidade, na que tes que ter coidado con todo, con como levantarte, como durmir… É complicado atopar posicións e as primeiras semanas son duras, xeran frustración. Por sorte tiven unha lesión sá, sen unha dor especialmente intensa.

Imaxino que foi complicado ver aos compañeiros sufrir a tempada pasada, con dificultades na clasificación.

Desde logo. O feito de ter a lesión máis grave de toda a miña carreira sumábase á situación que estabamos a vivir. Foi un ano duro. O equipo non se daba por vencido nunca, pero faltaba ese chisco de sorte para poder sacar algún punto máis e estar un pouco máis arriba. Agardo que nos axude a medrar noutros aspectos e que este ano poida ser máis tranquilo para o Pescados Rubén Burela FS.

Complicou a rehabilitación o confinamento?

Si que é certo que cando comezou estaba empezando a correr, a facer o primeiro trote, que era importante. Daquela freoume un pouquiño, pero os servizos médicos do club axudáronme moito, puxémonos de acordo cun plan de traballo que fixen diariamente na casa, e que me favoreceu para non levar un atraso importante na recuperación. Cando volvimos co resto dos compañeiros en pretempada tiña unha boa base, o regreso foi con moi boas sensacións.

MOTIVACIÓN

Nun proceso tan logo ten que haber altibaixos, momentos de dificultade psicolóxica. Como se motivaba?

Si que hai días moi malos, nos que tes pequenos pasos atrás, que son normais en toda recuperación, pero custa afrontalos. Vin moitos documentais e lin libros de deportistas de alto rendemento que pasaron por unha situación similar, que contaban a súa experiencia, e iso axudoume moito.

Hai moitos exemplos moi bos, como as pezas de Rafinha ou do finado Kobe Bryant.

Si, tamén de Sergio Llull, de Marco Asensio… Todos eses vinos e cada vez hai máis. Dalgunha maneira contan o que che estaba pasando a ti, así que vías o resultado despois do traballo que realizaran e pensabas en que ti tamén estabas pasando por todas esas pequenas fases e ías tamén conseguir volver. Axúdache. Tamén ver aos compañeiros dábame ganas de volver para desfrutar outra vez.

Tamén se deu conta, imaxino, de como o quere a xente. Twitter inundouse de mensaxes e supoño que tamén o faría o seu whatsapp…

A verdade é que todos o dicimos, o fútbol sala ten unha caducidade e cando te retires vas quedarte cos amigos que fixeches no deporte. Son moitos, aínda hoxe (polo sábado) non me deu tempo de responder a todo o mundo, e iso á fin é o que importa, saber que tes moitos amigos e que quedan aí para sempre.

UN CURSO PROMETEDOR

O club mantén a súa columna vertebral, con Matamoros, os dous porteiros do pasado curso, Renato ou vostede mesmo, e fixo fichaxes importantes. Que espera da tempada?

Penso que onte (polo venres) xa se puido ver un pouquiño o que se espera de nós. Enfrontámonos a un dos mellores equipos da Primeira División e por momentos estivemos mellor ca eles. Fixemos fichaxes importantes, xente con moitos anos de fútbol sala e ademais galegos, que poden identificarse co proxecto que hai no club, de ter este deporte ao máximo nivel en Galicia. Penso que esta tempada pinta ben, esperamos que os afeccionados se sintan orgullosos de nós e poidamos darlles un ano tranquiliño e asentar o club na elite.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here