O Burela FS, o equipo de moda: líder na Primeira masculina e pioneiro e dominante na competición feminina

"O convenio demostra que no Pescados Rubén temos o mellor do fútbol sala", di Jozi, que defenderá o título de Liga coas súas compañeiras; Giasson valora o inicio perfecto dos rapaces

Jozi e Giasson. AXM

A gardameta brasileira do Pescados Rubén Burela FS Jozi presumiu de ter “o mellor do fútbol sala” no equipo feminino da Mariña Lucense, que tamén ten ao plantel masculino na elite.

“O proxecto do Burela foi, desde o principio, de futuro, de continuidade. Así foi co feminino, unha aposta firme e seria polo equipo, polo deporte feminino, e foi bonito durante todos estes anos. Son moitos anos en división de honra, logramos ser campioas de España, e o traballo segue firme. Temos o mellor do fútbol sala en Burela”, dixo.

O Burela conta desde febreiro do ano pasado cun convenio colectivo que foi pionero no deporte feminino español, un acordo que vén de ser prorrogado.

“Nós desexamos que toda a categoría poida gozar dun futuro próximo dun convenio así. Dálle visibilidade ao club e está ligado aos éxitos deportivos”, afirmou.

Jozi é unha veterana no club, pois leva vestindo a camisola de porteira do cadro laranxa desde 2009, máis dunha década.

O cadro feminino, vixente campión de Liga, debutará na competición ligueira a vindeira fin de semana fronte ao Alcorcón. Vén de meterse na final da Copa Galicia tras superar ao Amarelle coruñés.

O italobrasileño Daniel Giasson, peche que procede do Córdoba e con anterioridade militou no Jaén, un recén chegado no pasado verán, afirmou que “desde o principio” tivo “moi boas impresións” no Burela.

ESTE MARTES, RETO MAIÚSCULO EN VISTA ALEGRE ANTE O INTER MOVISTAR

“A primeira meta é mellorar a tempada pasada. Sabemos que vai ser unha tempada atípica, un pouco diferente, pola situación actual na que vivimos”, advertiu.

Giasson naceu en Brasil en 1987 e foi internacional absoluto con Italia, país no que militou en clubs como o Lazio, o Luparense ou o Pescara. O cadro masculino é líder da Primeira División, tras derrotar ao Jimbee Cartagena (5-2) e ao Córdoba Patrimonio (5-6). Mañá terá un desafío de primeiro nivel en Vista Alegre ante o vixente campión, o Inter Movistar (20.00 horas).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here