A historia parece de conto pero a investigación académica deulle un certo fundamento. O mundo chora por Diego Armando Maradona, máis ca un xogador de fútbol, un verdadeiro mito amado e criticado que coñeceu a morte aos 60 anos. Tamén os amantes do deporte da Mariña Lucense, de onde semella que procede a estipe paterna do xenio futbolístico, segundo revelou un estudo.
Alá polo 2004, a investigadora Concepción Fernández López, autora de ‘Un apelido de Lugo: Maradona‘, apoiouse no Dicionario Madoz para soster na revista Evohé, da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, a teoría de que o apelido tiña raíz “da comarca de Ribadeo“.
SAN PEDRO DE ARANTE, O PUNTO DE PARTIDA?
Maradona remitía, segundo a autora, a “un lugar na provincia de Lugo, concello de Ribadeo e fegresía de San Pedro de Arante; con cinco veciños e 26 almas”. Fernández advertía de que o nomenclátor oficial non o rexistra actualmente, pero alegaba que “non sería imposible que, como entidade de poboación reducida, desaparecese”. Sobre a etimoloxía da palabra, sostiña que Maradona “é un termo composto de nome máis adxectivo”, que viría do termos romanos “moura“, de parada, estancia ou residencia, que deviría en “mara”, e “idoneus”, de “idóneo” ou “bo”, que derivaría en “dona”: un sitio axeitado, en suma, para deterse ou asentarse.
A partir de aí, Xaime Mariño, Jesús Flores e Vítor Mejuto presentaban pouco despois a hipótese de que o astro arxentino era descendente de Francisco Fernández de Maradona, nacido en San Pedro de Arante, e que no 1748 embarcou para cruzar o Atlántico rumbo a San Juan. O primeiro apelido iríase perdendo na saga co paso do tempo; xa no século XIX, o enxeñeiro civil e político Santiago Maradona, gobernador da provincia de Santiago del Estero, renunciou á referencia paterna por non coñecer a seu pai. O mesmo lle pasaría ao proxenitor do futbolista arxentino, Diego, que levou por sempre o Maradona da súa nai.
17 MARADONAS EN BARREIROS E NOVE EN LOURENZÁ
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, só hai 26 persoas que se apelidan Maradona en Galicia; 17 son de Barreiros e outras nove de Lourenzá. Nunha pescuda a nivel estatal, aparecen só uns poucos residentes máis con este apelido, en Asturias. En Italia, outra alternativa dada a forte tradición migratoria á Arxentina, non se atopa incidencia.
O CASTRO DA MARADONA
A Maradona tamén é un lugar de San Xusto de Cabarcos, en Barreiros, onde a asociación Mariña Patrimonio atopou un castro que, segundo a propia agrupación e á espera da confirmación por parte da arqueoloxía, albergaría a sétima sauna castrexa documentada na comunidade.
UN RETORNO ÁS RAÍCES FRUSTRADO
Dous anos despois de publicarse a investigación, o eterno ’10’ da albiceleste manifestou en televisión o seu interese en visitar terra dos seus antergos. ‘Si lo ven mis viejos, se caen de culo!“, riu. En Vilamartín Grande, na fregresía de Cabarcos, en Barreiros, esperábano posibles parentes lonxanos como Secundino Maradona. E en Vilamartín Pequeno, a uns poucos metros, onde tamén hai Maradonas. Non se sabe se tan talentosos para o deporte; o único Maradona mariñao asociado con certa celebridade a un balón na comarca é o de Galdo (Viveiro), Hermelino Ben Chao, un malabarista capaz de dar 74.000 toques consecutivos á pelota, 12 horas seguidas.
A historia sobre a posible orixe do futbolista correu como a pólvora e os daquela alcaldes de Ribadeo e Barreiros, Balbino Pérez Vacas e Alfonso Fuente Parga, ofrecíanse a correr “con todos os gastos da viaxe”. A morte do astro frustrou o retorno ás raíces de Diego Armando.
Unha viaxe que tería outra parada en Croacia, de onde procedía a familia da nai, Tota. A avoa de Maradona apelidábase Karioli, un apelido común en Bakar e Kraljevica, dúas cidades situadas ao leste do país, preto da fronteira con Eslovenia.
Foron os distantes puntos de partida da historia mestiza dun talento único, 100% arxentino, 100% napolitano desde o seu paso por San Paolo e un pouquiño balcánico e tamén un pouquiño da Mariña, ou eso parece. De todos en fin, porque desde aquel lendario Mundial 86 Maradona foi un pouco de todos os sitios.