InicioDeportesO porteiro do Betis detén a un Burela FS que mereceu puntuar...

O porteiro do Betis detén a un Burela FS que mereceu puntuar en Amate (2-1)

Os discípulos de Juanma Marrube crearon varias oportunidades claras pero toparon unha e outra vez con Cidao

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS perdeu en Amate ante un Real Betis que decantou o partido coa súa maior pegada (2-1). Desde a súa iniciativa, no minuto 14, os andaluces tiveron que sufrir o ataque dos de Juanma Marrube, que se estrelaron unha e outra vez contra a firmeza de Cidao.

Os de Juanito aproveitaron un saque de banda a falta de seis minutos para o descanso para adiantarse coa chegada de Emilio Buendía ao segundo pau. A partir de aí medraron as ocasións dos galegos, que xa avisaran con Iago Míguez e Renato nos primeiros compases e máis tarde cunha gran triangulación rematada por Pitero. Cidao estivo moi atento ante o potente disparo de David Pazos no 16. Non puido chegar o 20 burelista un pouco máis tarde ao pase de Álex Diz ao pau longo. Tamén o tentaron nas postremeiras Renato e Quintela, pero a bucina chegou co axustado 1-0.

SEGUNDO ACTO

Regresou Burela coa intensidade dos últimos minutos provocando certa desconexión nas filas andaluzas. Javi Rodríguez e Renato puxeron a proba a rede local; tamén o tentou, de falta indirecta, Matamoros. Continuando cunha gran presión, David Pazos a punto estivo de rubricar o empate pero bateu contra a solidez de Cidao, o talismán para os béticos nesta xornada. Edu, tras a medianía do segundo acto, evitou o segundo na primeira chegada da escuadra andaluza, a través de Bocao, para permitirlle ao Pescados Rubén seguir co asedio sobre a área local.

O meta bético estivo moi áxil ante a dobre tentativa burelista no 33, pero nada puido facer poucos segundos despois, nun saque de esquina de David Pazos que cazou Pitero para anotar a igualada tras tocar o balón en Rubén Cornejo. Tivo Quintela unha de ouro en galopada pero o esférico quedóuselle un pouco atrás e non puido sorprender a Cidao. Foi entón cando o Betis aproveitou para volver poñerse por diante, cun roubo de Éric Pérez (minuto 35); demasiado premio para as súas ocasións.

Con máis de catro minutos para o final, Quintela saltou á pista para liderar o xogo de cinco. O Pescados Rubén non deixou de insistir, aínda que os de Juanito tamén dispuxeron dunha moi perigosa a porta baleira; Rubén Cornejo desartellou a tentativa de Matamoros e Cidao volveu lucirse ante Lucho, en carreira, e Matamoros, practicamente sobre a bucina, sen tempo para máis.

FICHA TÉCNICA

Real Betis Futsal: Cidao, Bocao, Rubén Cornejo, Chaguinha, Éric Pérez, cinco inicial; tamén xogaron Elías, Borja Blanco, Emilio Buendía, Ivi, Chicho, Burrito.

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, Matamoros.

Goles: 1-0, minuto 14, Emilio Buendía; 1-1, minuto 33, Pitero (p.p. Rubén); 2-1, minuto 35, Éric Pérez.

Árbitros: Cidoncha Cortés // Salomé Vizuete. Por Betis amarela a Ivi (minuto 16), Rubén Cornejo (minuto 23), Borja Blanco (minuto 25). Por Burela amarela a Javi Rodríguez (minuto 32).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira División Masculina disputado no Centro Deportivo Amate de Sevilla.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...