O Pescados Rubén Burela FSF, campión da Copa da Raíña

As da Mariña dobregan ao Poio Pescamar en Málaga cun gol de Elena Aragón no dobre penalti e revalidan o título logrado en Vista Alegre

Celebración das campioas. PRBFS

Dúas participacións, dúas vitorias. É o saldo do Pescados Rubén Burela FSF na Copa da Raíña, unha competición coa que está a construír unha frutífera historia en común, tras gañala brillantemente na estrea á calor de Vista Alegre e revalidar o título este domingo en Málaga cun triunfo sobre o Poio Pescamar (1-0).

O BURELA MANDA NO INICIO

Comezou mandando no derbi galego do Martín Carpena o Pescados Rubén, que puxo axiña a proba a Caridad. A porteira do Poio enviou a córner unha volea de Dany no minuto 2. Segundos despois, mesmas protagonistas: a pivote forzou cun disparo desde a zona esquerda a estirada da gardameta do conxunto pontevedrés. Gobernaba o balón o cadro burelao e esperaba á contra, impreciso, o poiense.

Da man de Ana Rivera, que tentaba unha e outra vez fixar a defensa local a partir da ameaza do un contra un, o equipo de Manu Cossío foi estirando liñas co paso dos minutos, aínda que as mellores oportunidades seguiron sendo das discípulas de Julio Delgado. No minuto 7, Cilene desparou lixeiramente desviado un libre directo. En dúas faltas tivo o Poio as súas primeiras oportunidades, desbaratadas ambas por Jozi.

JOZI SALVA UN MAN A MAN ANTE JULIA DUPUY

No minuto 13, nunha xogada de estratexia executada con precisión, Cilene sacou rápido e Cris deixou a pelota para Dany, que non atopou portería por pouco. Ao borde do cuarto de hora chegou a, ata entón, ocasión máis clara da primeira metade; Julia Dupuy rouboulle a carteira a Cilene nunha controvertida xogada na que as futbolistas do Burela FSF pediron falta e a futbolista do Poio quedou soa no man a man ante Jozi, que respondeu con categoría.

TRES DOBRES PENALTIS A PROL DO CADRO LARANXA NA PRIMEIRA METADE

A falta de seis minutos para o final, chegou a oportunidade máis clara para as da Mariña: Julio Delgado pediu a revisión dunha xogada por unha man e os colexiados rectificaron, sinalando a sexta falta do Poio e polo tanto dobre penalti. Asumiu a responsabilidade Elena Aragón, que enviou o balón ao longueiro.

O cadro laranxa gozou dunha nova ocasión no dobre penalti a 4.30 do final. Desta volta, Elena Aragón non perdoou, coando o balón por entre as pernas de Caridad.

Ana Rivera e Bea Mateos tiveron unha oportunidade por bando antes do descanso e, a pouco máis dun minuto para o paso por vestiarios, o Pescados Rubén Burela FSF desfrutou dun novo dobre penalti nun treito final da primeira metade que se lle fixo longo ao conxunto pontevedrés. Á terceira, Elena Aragón disparou fóra.

O POIO ABRIU CON FORZA O SEGUNDO ACTO

Á volta do descanso, continuou o alto ritmo de xogo e as ocasións en ambas porterías. Miriam probou a Jozi cunha potente volea nunha xogada a balón parado, e Leti topouse con Caridad segundos despois, habilitada por un excelente movemento de pivote de Dany. Aínda que os nervios polo título en disputa pesaban na fluidez do xogo, con imprecisións constantes, víanse accións de fútbol sala de quilates no Martín Carpena. Unha nova mostra, minutos despois, cando Sousa manobrou de espaldas a portería e cunha finta desfíxose do seu par, aínda que o seu disparo foise fóra.

Elena Aragón celebra con Dany o gol. RFEF

CALMA TENSA ANTES DO TREITO FINAL

En diante, comezou a pesar o cansazo e o Burela FSF sentiuse máis cómodo nunha menor ida e volta. Vivíronse minutos de calma tensa antes do treito final do encontro, sen oportunidades claras pero cunha mínima diferenza no marcador e un destino incerto para o trofeo.

Con cinco minutos para o final, o Poio comezou a disparar as súas últimas balas. Luci tentou conectar con Ana Rivera nun córner, sen éxito, pero meteu o medo no corpo ás da Mariña ao pasearse ao balón paralelo á liña de gol defendida por Jozi. Segundos despois, a ex do Burela disparou desviado coa súa perna esquerda. Non se acovardou o Pescados Rubén, que obrigou a estirarse a Caridad, recoñecida co premio á mellor xogadora do partido, cun disparo de Cilene.

No minuto 38, a peche brasileira do cadro laranxa acudiu xusto a tempo para bloquear un disparo de Ana Rivera que ameazaba a Jozi.

SEGURIDADE ANTE O XOGO DE CINCO DO RIVAL, NOS ÚLTIMOS DOUS MINUTOS

A falta de 2 minutos e 16 segundos para o desenlace, o Poio optou polo xogo de cinco con Irene de porteira-xogadora. A 59 segundos do remate, Ana Rivera disparou sen atopar portería. Foi a última tentativa do Poio ante o campión da Copa da Raíña, o Pescados Rubén Burela FSF, que segue a engrandecer unha traxectoria repleta de títulos. Peque, mancada e que non puido participar no encontro, levantou a Copa.

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela: Jozi; Dany, Cilene, Cami, Bea Mateos -cinco inicial-, Cristina, Ale de Paz, Elena Aragón e Leti Cortés.

Poio Pescamar: Caridad; Dani, Irene, Luci, Ana Rivera -cinco inicial-, Antía, Julia, Chiesa, Clara, Carol e Miriam.

Gol: 1-0, M.16: Elena Aragón, de dobre penalti.

Árbitros: Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Sánchez Molina (Castela-A Mancha). Amarela a Dany polo Burela e a Carol polo Poio Pescamar.

Incidencias: final da Copa da Raíña disputada no Palacio dos Deportes Martín Carpena de Málaga.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here