InicioDeportesO Pescados Rubén volve sen puntos de Santa Coloma tras un partido...

O Pescados Rubén volve sen puntos de Santa Coloma tras un partido equilibrado

Iago Míguez, Pazos e Matamoros marcaron os goles do equipo burelao en Cataluña (4-3)

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS non puido estrear a semana puntuando na rifadísima cita ante Industrias Santa Coloma (4-3). Aínda que foron os de de Sito Rivera os primeiros en atopar a portería, os locais deron a volta ao marcador na recta final da primeira parte, cunha nova poutada laranxa chegando á bucina do ecuador. Tras o descanso, os galegos mereceron máis polo perigo xerado aínda que foron os cataláns os que conseguiron distanciarse grazas á estratexia e nunha transición. Matamoros subiu o definitivo 4-3 nun penalti a 8 segundos do asubío.

O Industrias tentou crear problemas nas saídas do Pescados Rubén encomendándose á intensidade. Tras o perigo de Álvarez e Uri Santos sobre a rede de Kaluza, os mariñáns dispuxeron de dous bos remates sobre a medianía da primeira parte, ante a correcta resposta de Mario, que non puido desartellar pouco despois as intencións de Iago Míguez, finalizando ao segundo pau libre de marca. Kaluza volveu ler á perfección a Álvarez no minuto 14 para manter a vantaxe burelista a salvo.

A falta de tres minutos para o descanso, Industrias igualou a contenda cun disparo de Sepe desde a frontal da área que o meta burelista non conseguiu neutralizar a pesar de tocalo. Cardona, dun disparo raso, deulles unha nova alegría aos locais para poñerse por diante. Os galegos non estaban dispostos a marchar aos vestiarios sen pelexar ata a bucina e así atoparon de novo o empate, cun remate de Pazos que se coou entre as pernas de Mario a falta de 26 segundos.

O Pescados Rubén Burela volveu con moito perigo. Renato e Matamoros foron os primeiros da lista fronte ás boas respostas de Borja. Estaban a merecelo o galegos pero foi o Santa Coloma o que atopou o premio en estratexia, nun saque de banda culminado por Álvarez. Tocaba remar contra unha corrente que se intensificou no 36 co 4-2 de Cardona nunha transición rápida. Respondeu entón o Pescados Rubén con Álex Diz como porteiro xogador pero a artillería mariñá bateu de novo con Borja. Matamoros rubricou o 4-3 final transformando un penalti a 8 segundos da bucina.

SÁBADO, VISITA DO LEVANTE

Os mariñaos volverán ao parqué o sábado coa visita de Levante UD FS (18.30 horas), no cume, nunha fin de semana repleta para a axenda laranxa de Vista Alegre, que acollerá ademais dúas citas aprazadas de Primeira Feminina, con AD Alcorcón o venres (19.30 horas) e Móstoles FSF o domingo (13.00 horas).

FICHA TÉCNICA

Industrias Santa Colma: Mario, Corso, Sepe, Bermusell, Drahovský, cinco inicial; tamén xogaron Uri Santos, Álvarez, Cardona, Bruno Petry, Llamas, Khalid, Borja.

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Iago Míguez, Matamoros, David Pazos, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Quintela, Renato, Giasson, Javi Rodríguez, Pitero.

Goles: 0-1, minuto 10, Iago Míguez; 1-1, minuto 17, Sepe, 2-1, minuto 19, Cardona; 2-2, minuto 20, David Pazos; 3-2, minuto 29, Álvarez; 4-2, minuto 36, Cardona; 4-3, minuto 40, Matamoros (penalti).

Árbitros: Alonso Montesinos // Santander Flamarique. Por Santa Coloma amarela a Drahovský (minuto 12), Petry (minuto 23), Sepe (minuto 27), Llamas (minuto 40). Por Burela amarela para Pazos (minuto 36).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 de Primeira División Masculina disputado en La Colina.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...