Recepción no Concello de Ribadeo aos piragüistas Antonio e Vicente Acuña logo das súas medallas de ouro e bronce

Ambos irmáns gañaron as medallas no Campionato de España Máster de Sprint en 50 K2 200 e 1000 metros, celebrado en Verducido.


O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu unha recepción aos irmáns Antonio e Vicente Acuña, dous piragüistas veteranos de Lugo que compiten con club Altruán, e que veñen de conseguir as medallas de ouro e bronce no Campionato de España Máster de Sprint en 50 K2 200 e 1000 metros, celebrado en Verducido. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, o presidente do club Altruán, José Ángel Fernández, Vicente Acuña, un dos veteranos homenaxeados hoxe, e Iván López, técnico de Deportes.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dixo: “quero agradecer que viñera Vicente a este acto, Antonio non puido vir pero está Fefo, en representación do club Altruán, que xa ten veteranía e é a súa alma máter”. Díaz agradeceu o esforzo diario para manter o club a flote con eses nenos e esas nenas que practican todos os días ou no seu tempo libre este deporte.

“Este é un agasallo que se lles dá en recoñecemento, neste caso aínda que non son de Ribadeo pero que compiten co club Altruán de Ribadeo, como facemos con todos os outros clubs, cando compiten nun campionato nacional e quedan nas primeiras prazas”. Engadiu

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, salientou que “quero recoñecervos a fortaleza física que demostrades nestas categorías seniors e o esforzo que significa chegar a estas cotas tan altas”. O alcalde engadiu tamén que “sodes un exemplo a seguir para toda esta xente nova que está empezando con este deporte, que é minoritario, pero que temos vocación para que vaia saíndo desa minoría”.

O rexedor subliñou que “estamos traballando estreitamente coa directiva do club Altruán para poder mellorar as instalacións na praia dos Bloques para que, entre outras cousas, os deportistas non se teñan que seguir duchando en auga fría, algo que creo que xa ningún deporte en Ribadeo o ten”.

Así Fernando Suárez engadiu que “temos unha débeda pendente co mundo do piragüismo e imos satisfacela o máis axiña posible con ou sen axuda externa que espero que a haxa tamén, pero imos levala adiante o máis breve posible”.

O presidente do club Altruán, José Ángel Fernández, sinalou que “o club é o exemplo que temos aquí de esforzo, dedicación e abnegación que temos aquí en Vicente. Os resultados obtéñense a base de compromiso e esforzo e esta alegría que nos deron os irmáns Acuña con este Campionato de España é a proba diso”. Altruán agradeceu  ao Concello a súa colaboración.

O piragüista Vicente Acuña dixo: “quero dar as grazas ao Concello de Ribadeo e ao club Altruán por acollernos deportivamente, e estamos encantados de levar o nome do pobo de Ribadeo por toda España”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here