Obreiros de Alcoa San Cibrao acudirán este martes a Madrid e o 13 á manifestación da Coruña

Operarios da planta cervense respaldarán aos seus compañeiros "nun día chave" con reunións coa empresa e o Goberno, e planifican a participación nunha nova protesta das tres plantas

Obreiros da Coruña, en protesta. GALICIA CONFIDENCIAL

Unha representación dos traballadores da planta de Alcoa San Cibrao participará este martes na concentración que os obreiros das fábricas da Coruña e Avilés realizarán en Madrid contra o peche das plantas.

Os sindicatos convocaron para as 11.30 horas unha protesta ante a sede do Ministerio de Industria.

Membros do comité de empresa da fábrica sancibrense e outros traballadores participarán na concentración, segundo espuxo Xosé Paleo, presidente do organismo de representación dos empregados.

Os traballadores sairán sobre as catro da mañá cara Madrid, e Paleo calcula que acudirán “unhas 50 persoas” a respaldar a protesta dos seus compañeiros.

Varios autobuses sairán de madrugada cara Madrid desde as fábricas da Grela e de Avilés, nas que ás 22.00 horas deste luns comezará unha folga que durará ata a noite do martes.

os sindicatos sinalaron o martes como data fundamental, pois haberá reunións con empresa e goberno

Os sindicatos marcaron o 8 de xaneiro como “día chave” para evitar o despedimento duns 700 traballadores entre Avilés e A Coruña, dado que haberá reunións coa multinacional do aluminio e co Goberno central.

Ás 15.00 horas, os comités de empresa das fábricas coruñesa e avilesina terán unha xuntanza coa empresa relativa ás consultas do ERE extintivo presentado por Alcoa para as dúas plantas.

Para as 17.30 horas está prevista unha “reunión chave” na que tamén estarán representantes do Ministerio de Industria.

MANIFESTACIÓN NA CORUÑA

Os traballadores das tres plantas españolas de Alcoa traballan nunha manifestación conxunta o 13 de xaneiro na Coruña.

A convocatoria está prevista para as 12.00 horas, desde a Praza da Palloza á delegación do Goberno central. “Tentaremos mobilizar autobuses e que vaia a maior cantidade de xente posible”, indica Paleo.

O 15 REMATA O PERÍODO DE CONSULTAS

Dous días máis tarde expirará o período de consultas do ERE. Polo de agora, as posturas seguen afastadas. Os traballadores apelan de novo ao Executivo para que garanta un marco enerxético estable que permita, se non a Alcoa, investir a posibles compradores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here