Alcoa responderá este martes á proposta do comité de reforzar persoal en San Cibrao

Os sindicatos propoñen a contratación dun obreiro de ETT ou eventual por cada traballador da Coruña ou Avilés que a multinacional queira reubicar en Cervo

Traballadores de Alcoa San Cibrao, nunha protesta. AXM

A dirección de Alcoa responderá este martes á oferta do comité da fábrica de San Cibrao, que instou á multinacional do aluminioincrementar o cadro de persoal coa contratación dun obreiro eventual ou de Empresas de Traballo Temporal (ETT) por cada un dos empregados da Coruña e Avilés que a compañía queira reubicar na planta de Cervo.

O acordo ao que chegaron Alcoa e sindicatos, refrendado en referendo polo persoal de Avilés e A Coruña, inclúe ata 106 prexubilacións na fábrica cervense para crear “vacantes” que ocuparían traballadores das factorías avilesina e coruñesa.

As baixas voluntarias e incentivadas ofrecidas pola multinacional afectarían a traballadores de 57 anos ou máis da fábrica cervense

Segundo o pacto, o complemento que percibirían os traballadores -sumado á prestación por desemprego- alcanzaría as seguintes porcentaxes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64; de 60 ata 65 anos, o 78% do salario anual bruto ata os 65.

CONTRATOS DE RELEVO

Este acordo foi rexeitado polo comité de empresa de San Cibrao, que expuxo que aceptar baixas incentivadas para colocar empregados da Grela e San Balandrán suporía renunciar aos contratos de relevo pactados no convenio laboral e cortar as aspiracións dos obreiros de ETT e eventuais mariñaos.

Na actualidade, arredor de 60 temporeiros das fábricas de alúmina e aluminio pasaron os sete meses de contrato, polo que o comité reclama que deben obter a condición de indefinidos.

POR “SEGURIDADE E PRODUTIVIDADE”

Ademais, os representantes dos traballadores insistiron na necesidade de reforzar o persoal “por motivos de seguridade e de produtividade“. Con este argumento, ao longo das dúas reunións mantidas coa empresa nas últimas semanas, instaron á dirección a contratar empregados.

Así, Alcoa dará unha resposta nunha xuntanza prevista para este martes a partir das 16.00 horas. A finais do pasado mes de xaneiro, preguntadas pola posibilidade de aumentar o persoal, fontes da empresa cínguironse ao pactado.

ASEMBLEA O VENRES

A partir da contestación da multinacional, os traballadores valorarán as medidas a tomar. Así, o comité de empresa convocou unha asemblea para o vindeiro venres.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here