O Goberno di non ter a “certeza” de que Alcoa tomase unha decisión sobre aluminio en San Cibrao

A ministra de Industria insiste en que o estatuto do consumidor electrointensivo "garante unha seguridade" á multinacional sobre o prezo da enerxía

Fábrica de Alcoa San Cibrao. AXM

EFE. A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, asegurou este martes que o Goberno central “non ten certeza aínda” de que Alcoa tomara unha decisión sobre a planta de aluminio primario de San Cibrao despois de que a multinacional alertase o pasado luns de que a viabilidade da fábrica está “en risco”.

A titular de Industria, que participou nun encontro organizado pola Cadena Ser, manifestou que o estatuto dos grandes consumidores de enerxía, un instrumento que a multinacional pedía tanto para a planta sancibrense como para “debuxar ese necesario investimento que ten que facer outra empresa” para a compra das factorías de Avilés e A Coruña, “dá unha seguridade a Alcoa sobre o prezo da electricidade”.

A planta cervense é a única fábrica de aluminio primario que Alcoa mantén aberta en España, tralo peche das factorías avilesina e coruñesa, nas que só fican activas as fundicións e cuxa venta negóciase desde hai meses.

Maroto incidiu en que co estatuto do consumidor electrointensivo “hai unha garantía maior” para as 153 empresas electrointensivas do país, que dan emprego a 150.000 persoas.

A dirixente do Goberno de España opinou que a anterior “ausencia” do Executivo de Mariano Rajoy tivo “unhas consecuencias moi negativas” no tocante á deslocalización e peche de empresas e confiou en que co estatuto e outras medidas nas que “traballa” o ministerio se poda chegar “ao 30 de xuño” cunha garantía dun investidor para Alcoa.

ENERXÍA MÁIS BARATA EN “PAÍSES COMPETIDORES”

Alcoa manifestou que o borrador do estatuto de consumidores electrointensivos “non achega a solución que a industria do aluminio primario en España necesita para a súa sostenibilidade”, polo que podería “poñer en risco” non só a venta das plantas da Coruña e Avilés, senón tamén a viabilidade do aluminio en Cervo.

A empresa alertou de que o futuro da súa planta de aluminio no complexo industrial de Cervo “periga” se o Goberno “non adopta máis medidas” das incluídas no borrador do estatuto de consumidores electrointensivos.

A MULTINACIONAL ASEGURA QUE O ESTATUTO NON GARANTE “PREZOS COMPETITIVOS NIN CERTEZA”

Fontes da multinacional afirman que as medidas propostas son “insuficientes”, xa que manterían “un significativo diferencial en coste de enerxía respecto a outros países competidores”.

Segundo datos da compañía, a tarifa da enerxía electrica supón o 40% dos custos de produción da industria do aluminio primario en España, e por iso necesita “un marco enerxético que garantice prezos competitivos e certeza, en liña cos países da nosa contorna”.

Alcoa fala de “incerteza” e de que “non se ofrecen garantías” sobre a aplicación efectiva da “medida máis relevante” no borrador: a compensación de costes indirectos de CO2.

NOVE MILLÓNS DE PERDAS AO MES

No complexo industrial de Cervo traballan unhas 1.700 persoas, cunha planta de alúmina e outra de aluminio, que é a electrointensiva e que o ano pasado deixou perdas de 48 millóns de euros.

Segundo datos achegados polos sindicatos a mencionada fábrica perde nove millóns de euros ao mes.

O COMITÉ CITA AOS GOBERNOS LOCAIS

O comité de empresa de San Cibrao citou aos gobernos locais da Mariña Lucense o vindeiro venres para unha xuntanza co obxectivo de involucralos de cara que conciencien ás administracións sobre a “situación crítica” da planta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here