Os obreiros de Alcoa citan á Mariña o 3 de novembro en Viveiro: “o plan de axuste danos unha pista”

Miles de persoas ateigaron a Praza do Concello de Burela nun acto no que os traballadores mostraron o seu temor tralo anuncio do plan de axuste por parte da multinacional

Praza do Concello de Burela, ateigada de xente. CONCELLO DE CERVO

Nunha concentración multitudinaria, na que miles de persoas ateigaron a Praza do Concello de Burela para reclamar un abaratamento do prezo da electricidade que favoreza a continuidade da planta de aluminio, o comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao citou á Mariña Lucense para unha manifestación o vindeiro domingo, 3 de outubro, a partir das 12.00 horas, desde o Casino ata a Praza Pastor Díaz.

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, remarcou que o anuncio da multinacional, que avanzou un plan de axuste a cinco anos de prazo que contempla medidas como o peche de plantas ou a redución da produción, “deunos unha pista. Non hai postos nomes enriba da mesa, pero temos claro que, co actual prezo da luz, se algunha fábrica ten un pé no patíbulo, San Cibrao é unha delas”.

“A situación é moi grave, e o que máis nos indigna é que non estamos nesta situación por ineficiencia ou porque fabriquemos un material, o aluminio, sen futuro, senón polo prezo da enerxía eléctrica, que se debe a factores como a privatización das eléctricas, o desastre da interrompibilidade, as portas xiratorias e a ausencia dun Goberno central“.

Así, reclamou “valentía” e “responsabilidade” ao Executivo central en funcións para que aprobe “as medidas necesarias” para garantir a igualdade de condicións a nivel enerxético “respecto doutros países de Europa. Sería unha irresponsabilidade deixar pechar unha fábrica coma esta, porque non se vai montar outra igual na Mariña”, remarcou.

O GOBERNO APROBARÁ ESTE VENRES AUMENTAR AS COMPENSACIÓNS POR EMISIÓNS DE CO2

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, agradeceu aos asistentes a “estampa de solidaridade” que presentaba a praza do Concello desde o balcón. O rexedor animou a “facer presión” para a aprobación dun estatuto das electrointensivas que garanta o mantemento do aluminio na Mariña Lucense “sen rifar nin caer en frases apocalípticas“, e adiantou que o Goberno central aprobará este venres, no Consello de Ministros, unha axuda de 25 millóns de euros en materia de compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here