O comité de Alcoa afirma que “seguimos a estar lonxe” de asegurar o futuro do aluminio

Os sindicatos consideran "insuficientes" os 25 millóns destinados a compensacións indirectas por CO2 e continúan a preparar a manifestación do vindeiro domingo en Viveiro

Obreiros de Alcoa, nunha das concentracións celebradas no Castelo. CEDIDA/CIG

EFE. O presidente do comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo, asegurou que os 25 millóns de euros destinados a esa planta das subvencións para compensar emisións indirectas de CO2 son “totalmente insuficientes” para garantir un prezo da enerxía eléctrica realmente competitivo.

En declaracións a Efe, Paleo precisou que ese diñeiro é “un sinal, un paso na dirección cara á que temos que ir”, pero tamén aclarou que esas axudas “por si soas” non serven “nin para aproximarse ao prezo da enerxía” do que gozan as empresas electrointensivas noutros países da nosa contorna, como Francia ou Alemaña.

“Seguimos estando moi lonxe”, dixo Paleo, quen insistiu en que o futuro de Alcoa en San Cibrao e, consecuentemente, da produción primaria de aluminio no país, pasa por unha rebaixa notable no prezo da enerxía, tendo en conta de que a factura eléctrica é o principal custo de produción da factoría da Mariña Lucense.

A semana pasada, ante o anuncio de Alcoa de posibles peches e vendas de fábricas en todo o mundo, o comité de empresa “solicitou oficialmente” unha nova reunión “á ministra de Industria”, Reyes Maroto, tendo en conta de que non volveron ter noticias dela desde a visita que realizou á fábrica de San Cibrao en compañía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

“Enviámoslle un correo electrónico a semana pasada, porque é a canle de comunicación que utilizamos habitualmente para comunicarnos co Ministerio”, precisou Paleo, pero “a día de hoxe non temos contestación. Todo son boas palabras, pero de boas palabras non se vive”, lamentou o presidente do comité de empresa.

CAMPAÑA DE SINATURAS

Por outra banda, máis de 2.100 persoas asinaron na campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma online change.org iniciada por traballadores da factoría. A petición reclama un “prezo competitivo” da electricidade para que producir aluminio primario na fábrica de Cervo siga “sendo rendible”.

Os promotores da iniciativa lembran que esa rebaixa no actual prezo do fornezo eléctrico é indispensable para “competir no mercado do aluminio en igualdade de condicións“.

Pola contra, “se non se consegue esa redución”, empresas electrointensivas como Alcoa están “abocadas a un peche inminente“, dado que gran parte dos custos de produción están vinculados, precisamente, ao prezo da enerxía.

Namentres, o comité de empresa segue preparando a gran manifestación que terá lugar este domingo, 3 de novembro, na localidade de Viveiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here