Maroto asegura que Pablo Casado ten un “compromiso” co mantemento de Alcoa

O portavoz do PP no Senado visita A Mariña, onde carga contra un PSOE ao que considera "un problema" para a multinacional, Lugo e Galicia

Javier Maroto visita A Mariña. PP

O portavoz do PP no Senado, Javier Maroto, visitou este xoves A Mariña –no marco dos actos de campaña electoral– onde asegurou que “o PSOE é un problema para Alcoa, Lugo e Galicia“.

Maroto chegou acompañado, entre outros, por José Manuel Barreiro, portavoz adxunto do PP no Senado e de novo candidato á Cámara alta por Lugo, quen catalogou A Mariña como “a zona máis puxante de toda a provincia”, da que destacou o peso da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Maroto, pola súa banda, puxo en valor o papel dos alcaldes e eloxiou a “proximidade” do PP cos problemas de Galicia, por exemplo en relación ás dificultades de Alcoa, unha factoría para a que, dixo, resulta “clave” un prezo viable da tarifa eléctrica.

“Cando existe un problema só se pode arranxar con tres pasos: recoñecer que o problema existente, querer arranxalo e poder arranxalo”, dixo en referencia aos socialistas. Nesa liña, engadiu que “hai que querer involucrarse e situar a cuestión en prioridades. Pero o PSOE demostrou que é un problema para Alcoa, Lugo e Galicia. Un problema de Primeira División“, sinalou.

O SECTOR INDUSTRIAL É “UNHA PRIORIDADE” PARA O PP”

Tamén acusou o Goberno central de que “nin escoita, nin mira, nin entende o que pasa con Alcoa e os empregos”.

En contraposición, dixo que o PP é un partido que “coñece esa realidade” e “ten a determinación de querer ser parte da solución”. E asegurou que o líder do seu partido, Pablo Casado, ten un “compromiso” con Alcoa e, en xeral, co sector industrial.

“No Goberno de Casado será unha prioridade“, prometeu Maroto, quen pediu o voto para o PP: “Hai que explicar aos cidadáns que non é o mesmo votar a un que a outro no centro e á dereita”, en referencia a Ciudadanos e Vox. Por último, afirmou que “Galicia é un territorio que ten que ser máis atendido, menos discriminado e máis escoitado”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here