InicioEconomíaO persoal de Reymogasa aproba protestas para que Dominion asuma 65 obreiros...

O persoal de Reymogasa aproba protestas para que Dominion asuma 65 obreiros co mesmo convenio

A nova adxudicataria do mantemento mecánico de dixestión en alúmina rexeita a subrogación coas mesmas condicións laborais; haberá concentracións e renunciarase ás horas extras

Publicada o

- Advertisement -

A asemblea de traballadores de Reymogasa ratificou, na reunión extraordinaria celebrada este xoves, a proposta do comité de empresa de retomar as protestas iniciadas a finais do 2019 co obxectivo de que a empresa Dominion I & I, adxudicataria do novo contrato de mantemento mecánico no departamento de dixestión da planta de alúmina, no complexo industrial de Alcoa San Cibrao, respecte o convenio pactado polos sindicatos coa auxiliar e subrogue aos traballadores coas mesmas condicións laborais recollidas no acordo.

Os empregados advirten de que se non se subroga aos 65 operarios afectados coas mesmas condicións coas que contaban en Reymogasa, “non vai haber subrogación nin Dominion vai empezar a traballar en Alcoa“. Segundo informaron os sindicatos, acordouse a convocatoria de concentracións os días 15, 16 e 17 de xaneiro, de 5.00 a 8.00 horas, coas que “cortaremos ante a fábrica de alúmina e aluminio“, así como a supresión de realización de horas extras a partir do venres 10. Ademais, de non haber avances realizarán unha folga o luns 20, día no que está previsto que se faga efectivo o novo contrato do servizo.

O comité de empresa de Reymogasa afirma que Dominion I & I “ten intención de non cumprir os termos que establece a lei para a subrogación” e argumenta que “non reclamamos nin máis nin menos, senón o mesmo; que se recoñezan as condicións laborais que tiñamos e que conquistamos grazas as mobilizacións realizadas polos sindicatos. Sería unha restrición dos nosos dereitos. Iso non o imos perder polo camiño”, indica o presidente do organismo de representación dos traballadores, Javier Prado.

O contrato de Reymogasa con Alcoa para a realización do mantemento mecánico en dixestión de alúmina remataba o pasado 10 de decembro, pero finalmente prorrogouse a relación laboral polo proceso de tramitación da subrogación.

FOLGA O DÍA 20

O sindicalista expón que o persoal está “nervioso” ante a situación, que en principio non relaciona cos problemas da planta de aluminio de Alcoa. O persoal da auxiliar de Alcoa atópase ademais inmerso ás portas da negociación do novo convenio, singular posto que de facerse efectiva a subrogación “Reymogasa quedaría co persoal á metade, perdendo 65 duns 140 empregados”.

Os sindicatos manterán o vindeiro venres unha xuntanza coa dirección da empresa, na que esperan que haxa algún avance. Se non, advirten, aplicarán o programa de paros acordado e estudan mesmo “unha folga indefinida“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...