A OPP Lugo presenta un calendario que conciencia sobre os beneficios do consumo de peixe para a saúde

O almanaque, que conta coa colaboración do cardiólogo Guillermo Aldama López, amosa a variedade de especies da lonxa burelá e cal é a mellor tempada para consumilas

Presentación do calendario da OPP Lugo. AXM

A Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo presentou este xoves 9 de xaneiro no Salón de Actos de Armadores de Burela, S. A. (Absa) o seu novo calendario 2020, no que se promociona o consumo de peixe como unha das principais bases dun estilo de vida saudable.

O calendario conta coa colaboración de Armadores de Burela e especialmente do doutor Guillermo Aldama López, da Unidade de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) e membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón.

O doutor Aldama defende o consumo de peixe como base da dieta mediterránea e sobre todo na súa variedade da dieta atlántica, un alimento, ademais de saboroso, moi rico en graxas “premium” Omega-3 que axudan ao noso organismo e son unha das razóns polas que España sexa un dos países con maior esperanza de vida do mundo.

No anuario preséntanse doce mensaxes asinadas polo cardiólogo acompañadas por outras tantas imaxes dalgunhas das principais especies da lonxa de Burela, indicando tamén as tempadas de pesca ou consumo preferente de cada unha delas. Por exemplo, ábrese o mes de xaneiro cunha frase motivadora: «consumir peixe alo menos dúas veces por semana axuda ao noso cerebro, mellorando a nosa memoria, disminuíndo o risco de depresión e aumentando o cociente intelectual nos nenos»; e péchase cunha clara recomendación: «se queres un corpo “premium” cun funcionamiento “premium” deberías nutrilo con materiais “premium”… e o peixe é a túa mellor opción».

VARIEDADE DE PESQUERÍAS E FROTAS

Sergio López, xerente da OPP Lugo, valora especialmente que neste novo calendario se vexan reflexadas as diferentes pesquerías que forman parte das súas frotas, como o palangre de fondo en augas europeas, que pesca con anzol unha a unha a pescada do pincho, a bertorella ou brótola de roca e a cabra de altura; o palangre de superficie no Atlántico, que pesca tamén individualmente o peixe espada e a tintorera ou caella; a flota bonitera do Cantábrico, que pesca os bonitos do norte ao Curricán, un a un con anzol; ou as flotas de cerco ou arrastre de litoral do Cantábrico, que traen á lonxa de Absa especies como a cabala, o xurelo ou chicharro, o bocarte, a sardiña, o gallo ou o peixe sapo.

3.000 EXEMPLARES

O almanaque terá unha tirada de 3.000 exemplares e empezarase a distribuir a próxima semana entre os socios de OPP Lugo e ABSA, a través da Asociación de Exportadores Maioristas de Peixe da Mariña (Adexmar) e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. En Madrid tamén se distribuirán 1.000 exemplares entre os socios de Fedepesca (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados).

Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no seu plan de produción e comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here