“Alivio” para os obreiros de Muebles Hermida, que cobraron do Fogasa tres dos cinco meses adebedados

A previsión é que o informe do administrador concursal sobre a viabilidade da moblería de Lourenzá estea listo "nun par de semanas"; "venta ou liquidación", as únicas opcións

Muebles Hermida, en Lourenzá. GOOGLE MAPS

A maioría dos 93 traballadores de Muebles Hermida afectados polo Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte), que entrou en vigor o pasado 31 de xaneiro, cobrou ao longo desta semana do Fondo de Garantía Social (Fogasa) os meses de setembro, outubro e novembro, o que supón “un alivio tremendo” para o persoal, que levaba sen percibir cinco mensualidades.

O presidente do comité de empresa da moblería de Lourenzá, Manolo Franco, precisa que o cobro alivia “unha situación insostible. Hai varios casos de xente que estaba moi ao límite, casas con nenos nas que non entraba ningún salario, ou outra con hipotecas“, resume.

DECEMBRO, PENDENTE; XANEIRO IRÁ CONTRA A MASA

Os traballadores socilitaran ao Fogasa catro mensualidades; queda pendente de cobrar o mes de decembro, sobre o que por agora non hai data de ingreso. “Xa contabamos con percibir estes tres meses entre os días 10 e 12, pero o administrador concursal tentou que se axilizase o proceso ante as dificultades que tiñamos, e conseguiuno”, expón Franco. Probablemente, o mes de xaneiro -os empregados estiveron de permiso retribuído desde o 13 de xaneiro, fin das vacacións de Nadal, ao 31- “irá contra a masa”, lamenta o sindicalista.

O persoal de Muebles Hermida está agora á espera de que se reúna toda a documentación para ir á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Sepi) e solicitar o paro. “Daquela poderemos cobrar, en marzo, o mes de febreiro, que tamén sería importante para moitas familias”, razoa Franco.

Á BÚSQUEDA DE TRABALLO

Respecto da búsqueda de traballo -o Erte terá unha duración máxima de nove meses-, “hai xente que está mirando cousas por aí e estase empezando a mover”, explica.

Queda pendente o informe que deberá presentar o administrador concursal, Javier Reigosa, que cuantificará entre outros aspectos o nivel da débeda e ofrecerá unha valoración das posibilidades de continuar coa actividade. Os sindicatos están convencidos de que só hai dúas alternativas, venta ou liquidación. “Sabemos que hai interese, pero non se se presentaron ofertas concretas”, indica Franco, que considera que “seguramente non as haberá ata que se ofreza un balance. As empresas quererán dispoñer de todos os datos posibles para decidir”, argumenta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here