Alcoa garda silencio sobre o estatuto das electrointensivas mentres o comité estuda novas protestas

Os obreiros encherán este venres San Cibrao de lazos azul eléctrico para visibilizar a situación de aluminio; a multinacional segue sen valorar publicamente o documento

Concentración polo futuro de Alcoa en Xove. ELISEO TRIGO/EFE

O comité do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao estuda novas protestas para reclamar ao Goberno central que estableza un marco enerxético estable, toda vez que o borrador do estatuto das electrointensivas presentado polo Executivo non servirá, segundo os sindicatos, para abaratar o prezo da luz con respecto ao exercicio 2019. A multinacional, que afirma que a planta de aluminio de Cervo “é inviable” trala caída dos ingresos na poxa de interrompibilidade, garda polo momento silencio sobre o documento; a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (Aege) tampouco se pronuncia polo de agora, aínda que prevé facelo nos vindeiros días.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explica que os sindicatos están ultimando as alegacións que presentarán ao estatuto das electrointensivas, que “reduce as axudas para os grandes consumidores de enerxía eléctrica”. O sindicalista lamenta que o documento abre a porta para beneficiarse “a unhas 600 empresas” cando eran pouco máis de cen –119 en concreto– as que tiñan acceso á poxa de interrompibilidade.

SEN DATA PARA UNHA REUNIÓN COA EMPRESA

Os sindicatos por agora non teñen data para unha reunión coa dirección da empresa, a fin de coñecer a súa valoración do estatuto das electrointensivas e os seus plans de cara ao futuro. Fontes de Alcoa sinalan que a multinacional está a “analizar en profundidade” o documento, pero por agora non se pronuncia de xeito público, cando si se posicionaron en contra tanto o comité de empresa sancibrense, como os tres grandes sindicatos –CC OO, UGT e CIG– e a Xunta de Galicia.

O comité continuará este venres en San Cibrao coa campaña de visibilización da situación da fábrica. Os traballadores colocarán nos comercios e nos lugares máis destacados da vila lazos de cor azul eléctrico para chamar a atención sobre un posible recorte do emprego na planta de aluminio. Zan adianta que os sindicatos estudan “novas protestas”.

OS OBREIROS DE AVILÉS: “PENALÍZASE ÁS GRANDES CONSUMIDORAS”

O presidente do comité de empresa da factoría de Alu Ibérica en Avilés (antiga Alcoa), José Manuel Gómez de la Uz, considerou este xoves que o texto de estatuto para as electrointensivas “penaliza ás grandes consumidoras” e déixaas nunha situación “francamente preocupante”.

Gómez de la Uz sinalou que os traballadores están “aínda máis preocupados” ante as “últimas noticias” porque “o Goberno non soamente non está facendo un estatuto que sirva para que os consumidores electrointensivos poidan operar en España, si non que nos están mentindo”, indicou.

O Goberno pretende levar a cabo unha serie de rebaixas de prezos da enerxía, pero “soamente afecta aos pequenos consumidores“, pero para os máis electrodependentes, que “son os que as necesitan“, apenas terá efecto, na súa opinión.

Segundo o cálculo sindical, co sistema de interrompibilidade de fornezo -polo que as empresas percibían diñeiro a cambio de desconectarse da rede en caso de necesidade do país- a industria electrointensiva obtiña descontos de 28 a 30 euros por megavatio e co estatuto suscitado esa cifra baixa a seis euros.

Na súa opinión, “este Goberno non quere unha industria pesada e vai facer o posible para que non poder operar”, subliñou.

PARTER CIFRA O CUSTO DO MW/H PARA 2020 EN 49,58 EUROS

A factoría avilesina de Alu Ibérica só mantén operativa a produción de tochos e lingotes, pero as cubas de electrolise para fabricar aluminio primario, cuxo funcionamento require unha enorme cantidade de enerxía e uns 200 empregos, aínda seguen sen producir desde a saída de Alcoa e a empresa ve inviable reactivalas coas medidas incluídas no actual proxecto de estatuto.

Do mesmo xeito se expresou o comité da antiga factoría de Alcoa na Coruña. Segundo os cálculos do fondo suízo Parter, que adquiriu as antigas plantas coruñesa e avilesina da multinacional estadounidense, o prezo da electricidade para 2020 sería de 49,58 euros/MWh, o que tamén faría inviable rearrincar as cubas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here