Expomar celebra os seus 25 anos

O alcalde de Burela e presidente da fundación organizadora resalta o nivel das xornadas técnicas

Acto de apertura de Expomar. XUNTA DE GALICIA

As Xornadas Técnicas Expomar, celebradas na confraría de pescadores de Burela, cumpriron a pasada semana 25 anos. O foro empresarial do sector pesqueiro demostrou unha boa saúde e ofreceu un espazo para discutir cuestións relevantes, como a comercialización, os descartes, o brexit, a política pesqueira ou o relevo xeracional. 

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, agradeceu á Fundación Expomar a organización das xornadas, que na súa opinión “constitúen un referente nacional e internacional na promoción e o desenvolvemento do sector náutico-pesqueiro e que converten A Mariña nun punto de encontro para os profesionais do sector”.

O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, mostrouse satisfeito co 25 aniversario das xornadas técnicas.

A fundación terá un encontro nos próximos días para avaliar as xornadas, pero o rexedor asegura que “estamos contentos. O día 3 foron abordados temas orientados aos profesionais do sector. Penso que houbo un alto nivel nas intervencións e tamén participación”, afirma o alcalde de Burela. 

o brexit, a política pesqueira, o relevo xeracional ou os descartes foron tratados nas charlas

O día 4 “foi orientado ao público en xeral. Tentouse favorecer que aqueles que somos consumidores de peixe teñamos un maior coñecemento de como se fai a trazabilidade, de que especies son as máis consumidas, como se pescan, como se traen ao porto e como se levan da lonxa aos puntos de venta, e, principalmente, como nos beneficia o seu consumo”, explica.

A idea de Expomar, segundo Llano, é “estar sempre na vangarda temática que sexa relevante para o sector pesqueiro”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here