A frota para ao non atopar compradores para a xarda e reclama acollerse a Ertes de forza maior

Os clientes disuaden aos barcos de faenar ao estar "saturados"; as empresas critican a "carencia absoluta" de EPIs e dinse incapaces para cumprir coas normas de seguridade requeridas

Porto de Burela. TURISMO DE GALICIA

As impredecibles consecuencias do coronavirus afectan tamén ao sector pesqueiro, que reclamou este venres ao Goberno central poder acollerse á nova normativa que axiliza os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes). A frota ten “varios problemas” causados pola pandemia, con “situacións moi dispares ao longo de España, e cambiantes incluso ao longo do mesmo día”, pero para as embarcacións e barcos da Mariña Lucense hai dous principais: a caída da demanda, que está obrigando aos buques a parar, e a dificultade para trasladar traballadores polo estado de alarma.

O patrón maior de Burela e presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, explica que “á frota de baixura chamounos algún comprador dicíndonos que non foramos pescar máis cabala porque non admitía máis, de xeito que imos ter que parar, non se sabe se de forma indefinida. Esperemos que co pase dos días mellore a situación, pero aínda que hai embarcacións de artes menores que están faenando, os arrastreiros viñeron para terra. Se non cambia a cousa, pararán todos”, expón.

PESQUERÍA ESTACIONAL E FUNDAMENTAL

Otero afirma que “normalmente cada barco traballa cun comprador” e son os propios clientes os que están a pedir á frota que pare “porque están saturados”.

No caso da cabala ou xarda, unha pesquería fundamental para a frota, “ou ben se conxela para cebo ou se manda para consumo humano para países do Este de Europa. Seguramente o retroceso terá que ver cos cambios de produción nas empresas de conxelados, para gardar máis as distancias e non apilar os traballadores”, sinala Otero. É un recurso estacional -soe aguantar ata despois da Semana Santa– e “en canto pasa a época, despois xa non se pode aproveitar”, lamenta.

PROBLEMAS PARA O TRASLADO DO PERSOAL

Outro dos problemas que está a supoñer a pandemia é o “traslado dos traballadores”. Coa prohibición dos viaxes de máis dunha persoa, “aqueles barcos que están desprazados do seu lugar habitual, como os cerqueiros que van ao bocarte, teñen dificultades para traer a xente dunhas zonas para outras”, concreta o patrón maior de Burela.

AS ESPECIES MÁIS VALORADAS, EN CAÍDA LIBRE

Outras empresas, engade, paran porque están a caer os prezos das especies con maior valor en lonxa, “como lubina, rodaballo, pescadas grandes, de máis de tres quilos, mariscos ou crustáceos. A gamba vermella, que habitualmente se paga a 100 euros o quilo en Santa Pola (Valencia)”, pon como exemplo Otero, “chegou a venderse a dez, a de 80 a tres”. Detrás desta caída está o parón na actividade dos restaurantes.

“Hai algúns barcos que están no mar porque aínda que non se faga diñeiro consideran que llo deben aos compradores e á poboación”, sostén Otero.

“EN BARCOS PEQUENOS AGÓLPANSE 15 PERSOAS”

A seguridade laboral é outro reto, posto que as esixencias sanitarias poñen aos armadores, sinala, nunha “situación moi complicada. Non é un problema xeralizado aquí pero noutros sitios de España están quedando barcos en terra porque a tripulación ten medo ao contaxio”, remarca Otero, que considera “imposible” poder satisfacer demandas como a de manter unha distancia prudencial entre os obreiros. “Os barcos son dun tamaño determinado e agólpanse neles 15 persoas”, resalta. Unha situación que se podería aliviar, argumenta, de non existir unha “carencia absoluta” dos “imprescindibles” equipos de protección individual (EPIs), comprometidos polo Goberno central pero que están por entregar.

Diante desta situación, moitos pensan en parar ata que se poida amortiguar a crise. A Federación Nacional de Cofradías de Pescadores e a Confederación Española de Pesca (Cepesca) trasladaron este venres ao Goberno a solicitude de que aclaren os artigos 22 e 24 da nova normativa, para saber se as empresas pesqueiras poden acollerse á posibilidade de presentar Ertes de forza maior.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here