A incerteza planea sobre o persoal de Vestas en Chavín

O peche da fábrica da multinacional en León, que absorbía "o 40% dos xeneradores" producidos en Viveiro, fai temer pola factoría mariñá

Manifestación na fábrica de Vestas de Chavín. AXM

O anuncio do Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) de extinción da fábrica de Vestas en Villadangos del Páramo, León, xera “incerteza e preocupación” na factoría da multinacional danesa en Chavín, segundo apunta o presidente do comité de empresa, Jano Grandío, da Unión Xeral de Traballadores (UXT).

O peche da factoría leonesa preocupa en Viveiro polo despedimento de 370 traballadores indefinidos. Tamén por constituír o segundo ERE de extinción en dous meses que a multinacional da enerxía eólica executa en España: trala clausura da planta de Vilafranca del Penedés, con 44 operarios, Vestas só queda coa factoría de Chavín e maila de Daimiel.

TRAS DOUS PECHES, EN LEÓN E CATALUÑA, SÓ QUEDAN DÚAS DAS CATRO FACTORÍAS DA MULTINACIONAL EN ESPAÑA

Pero desacouga sobre todo porque aproximadamente a metade dos operarios da fábrica mariñá -109, maioritariamente persoal fixo- traballa na fabricación de xeneradores eólicos, destinados a nutrir a factoría leonesa. “Entre un 30 e 40% da nosa produción destinábase á fábrica que vén de pechar e entre un 60 e 70% vai para a India, que podería ser abastecida por unha planta de China”, sinala Grandío. Por iso, a eliminación de boa parte da demanda do traballo realizado en Chavín xera confusión entre os traballadores.

TEMPOREIROS

A outra metade do cadro de persoal, maioritariamente temporeiros, traballa na fabricación de paneis eléctricos para o control de turbinas, unha tarefa que comezou na fábrica neste 2018 e que si semella ter saída. A maioría dos traballadores eventuais acabará o seu contrato cando finalice o mes de setembro e poderían ficar sen emprego se a empresa decide reciclar aos obreiros indefinidos para que fabriquen este tipo de aparatos. “Sería duro, porque estes rapaces esforzáronse moito nun traballo esixente, con flexibilidade horaria, e agora poderían quedar na rúa”, expón Grandío.

A carga de traballo de Vestas non semella abondar para manter os preto de 230 traballadores actuais e os obreiros, que lamentan a falta de información por parte da empresa, non descartan o peche da fábrica. “Polo de agora non soubemos nada das súas intencións. Dísenos que o peche da fábrica de León non ten que ver con nós, pero está claro que ten que ver. Non se nos ofrecen datos de produción ou demanda para o ano que vén, o que podería dar máis tranquilidade”, apunta o sindicalista da UXT.

UNS 110 OBREIROS EVENTUAIS REMATAN CONTRATO EN SETEMBRO E NON PARECE QUE HAXA CARGA DE TRABALLO PARA QUE SIGAN

O sindicalista engloba este peche nun proceso de “deslocalización a nivel europeo” de Vestas, que “está a levar a produción onde é máis barata, a países como Arxentina, Rusia ou China“, sinala.

CONVENIO LABORAL

O peche da planta leonesa tamén condiciona a negociación do convenio laboral, que se retomará a mediados de setembro. “Levamos uns anos sen unha subida de salarios e a cousa non avanza, a empresa non acepta unha proposta que consideramos non só boa para nós, senón tamén para Vestas. A dirección quere que aceptemos unhas condicións similares ás que se acordaron durante o ERE do 2015, nunhas circunstancias especiais”, explica Grandío.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here