O comité de Alcoa, sen resposta do Goberno ás peticións de convocar a mesa multilateral por aluminio

Os sindicatos entrevistaranse con Feijóo o mércores; en Cyrgasa segue a negociarse o Erte presentado pola auxiliar tralo recorte do cambio de cubas

Traballadores de Alcoa, nunha protesta en Madrid. AXM

EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou de que mañá -día 20 de maio-, a partir das 11.00 horas, manterá unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para transmitirlle a súa “preocupación” polo futuro da factoría de aluminio, despois de que a propia dirección da multinacional en España recoñecese que a súa situación é “crítica”.

Ademais, o comité de empresa informou de que, a día de hoxe, aínda non recibiu resposta por parte do Goberno central ás dúas solicitudes que formulou para que proceda á apertura da “mesa multilateral” polo futuro de Alcoa, á que deberan sentar as Administracións autonómica e central, a dirección da multinacional e representantes dos traballadores.

O comité recordou que na reunión telemática que mantiveron os representantes dos traballadores co presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, leste recoñeceu que a situación da fábrica mariñana é “crítica” nestes momentos, por mor dos “problemas estruturais no marco enerxético e a sobrecapacidade da planta”.

O presidente de Alcoa España explicou que eses problemas “non se solucionaron” e ata se viron “agravados polos baixos prezos do aluminio no mercado e a baixa demanda do produto”.

ERTES EN REYMOGASA E CYRGASA

Alcoa renunciou á brascaxe de cubas, a tarefa que permite recuperar a maquinaria de electrolise que chega á fin da súa vida útil, defendendo que “as medidas adoptadas nas plantas a nivel global” son debidas “á necesidade de paliar o impacto da crise” provocada pola “pandemia do Covid-19“, explica o comité nun comunicado, “mantendo a liquidez”, dado que calcula que as perdas chegarán aos “50 millóns de dólares por planta no exercicio deste ano”.

O recorte destes labores provocou a sinatura dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) en Reymogasa, que suporá a suspensión dos contratos de case a metade do persoal desta auxiliar de Alcoa, 33 traballadores, e a presentación doutro Erte en Cyrgasa, que dirección e sindicatos están a negociar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here