A CIG continúa as protestas contra o “desmantelamento” de Alcoa mentres se negocia o Erte en Cyrgasa

A asemblea de persoal da auxiliar de Alcoa votará este mércores a proposta de Erte, que en principio afectaría a doce traballadores

Protesta da CIG en Xove. AXM

A CIG continuou este martes en Xove e Burela os actos de protesta “contra o desmantelamento” do complexo industrial de Alcoa, iniciadas despois de que a multinacional renunciase a reparar as cubas de electrolise, o que supuxo a sinatura dun Expediente de Regulamento Temporal de Emprego (Erte) en Reymogasa, que afectará a 33 traballadores ata o 31 de decembro, e a negociación, que continuará mañá mércores, doutro expediente en Cyrgasa, a outra empresa auxiliar afectada polo recorte.

O sindicato nacionalista alerta de que, con esta decisión de Alcoa, a final de ano 90 das 512 cubas que hai na planta de aluminio estarán mortas, “seguindo o camiño das plantas da Coruña e Avilés“.

“XA TEMOS COMPAÑEIROS QUE ESTÁN NA CASA”, LEMBRA

A central apunta a Alcoa e lembra que “xa temos compañeiros que están na casa”, pero tamén demanda do Goberno español e da Xunta de Galicia que exerzan as súas competencias e actúen para evitar esta desfeita e os despedimentos nas auxiliares”, sinala Kike Rocha, delegado da CIG na industria auxiliar.

O SINDICATO INSTA A XUNTA E GOBERNO A INTERVIR

Rocha lembra que o persoal das contratas representa “o 50% da masa de traballadores da factoría, cun total de 1.000 postos”. Porén, coa decisión de Alcoa de non realizar a rebrascaxe das cubas “vemos como comeza o principio da fin da actividade na fábrica e os primeiros en pagar a factura somos sempre os traballadores das auxiliares”. Por iso, reclama a intervención da Xunta na busca unha solución para que non paren as cubas, así como para que ningún traballador de empresas auxiliares perda o seu posto”. Nesta mesma liña, pide  do Goberno español “a súa inmediata actuación para que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría, esta recupere o 100% da actividade e non se perda ningún emprego“.

Segundo concretou o presidente do comité de empresa, Diego Fernández, os obreiros de Cyrgasa celebrará unha asemblea a primeira hora da mañá para decidir se vota a favor da última proposta da empresa, que se reunirá cos sindicatos ao mediodía. Da decisión do persoal dependerá se se asina ou non o Erte.

Cyrgasa e comité reunironse este martes e non trascenderon as condicións da proposta que se someterá a votación. A auxiliar de Alcoa rexeitara recolocar aos doce traballadores afectados nun principio, e ofrecera un Erte de similares condicións ás de Reymogasa, cun prazo ata o 31 de decembro e 180 días de afectación máxima por empregado.

O PSdeG RECLAMA Á XUNTA “AXUDAS” PARA MANTER O EMPREGO

Por outra banda, a secretaria provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero, xunto cos alcaldes de Foz, Fran Cajoto, e Viveiro, María Loureiro, mantiveron unha reunión con representantes da coordinadora sindical das auxiliares de Alcoa.

Otero dixo que o PSdeG-PSOE apoiara en todos os concellos a moción presentada pola plataforma, tras o anuncio de ERTE, a consecuencia  da decisión de Alcoa de non realizar a rebrascaxe das cubas que chegan á fin da súa vida útil.

A dirixente socialista instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a “exercer as súas competencias con axudas, no caso de que sexan necesarias, para a garantir a viabilidade de Alcoa”.

Reunión de dirixentes do partido socialista coa coordinadora de auxiliares. AXM

Ante a reclamación ao Goberno central dun estatuto do consumidor electrointensivo que estableza un marco enerxético estable, reclamación na que coinciden a Xunta, Alcoa e o comité de empresa do complexo de San Cibrao, a secretaria provincial socialista sinala que “ao longo de 2019 e o primeiro trimestre de 2020, a evolución do prezo da enerxía descendeu de xeito relevante. Na actualidade o prezo por megavatio/hora é moi inferior ao que se viña demandando fai tan só uns meses pola propia empresa e pola Xunta e PP para garantir a competitividade da planta”.

“Hoxe en dia a electricidade esta mais baixa que nunca, por iso non é comprensible que pechen as cubas”, remarcou a dirixente socialista.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao reunirase co presidente da Xunta o vindeiro mércores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here