O comité non ve “vontade” de Alcoa para manter a produción de aluminio e apela a Goberno e Xunta

Os sindicatos recibiron da multinacional "respostas esquivas" e "malas maneiras" á súa petición da retirada dos despedimentos; a mesa multisectorial celebrarase o vindeiro martes

Tino Fernández (UGT), José Antonio Zan (CC OO) e Xosé Paleo (CIG), trala reunión. AXM

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegurou a través dunha comparecencia en vídeo emitida aos medios de comunicación que non ve “vontade” por parte da multinacional de continuar a produción de aluminio primario na Mariña Lucense, dado que na reunión mantida este xoves a directiva ofreceu “respostas esquivas” á pregunta dos sindicatos de se a compañía quere continuar a súa actividade no municipio de Cervo.

Dirección e comité mantiveron este xoves en Lugo a primeira das xuntanzas dun período informal de consultas de tres semanas aberto pola empresa, que anunciou a súa intención de executar ata 534 despedimentos na planta de aluminio, unha medida que afectaría a outros 400 postos de traballo de empresas auxiliares, segundo a representación sindical nas contratistas.

CADEADO NA PORTA

A xuntanza foi, en palabras do propio presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, “bastante tensa, utilizando malas maneiras e chegando a poñer Alcoa un cadeado na entrada” do hotel Los Robles, o lugar de reunión. “A vontade de diálogo” da multinacional, lamentou, “é case nula“.

A MESA MULTISECTORIAL, O MARTES

O comité instou a Alcoa a retirar o despedimento colectivo e agardar ao vindeiro martes, día 9, ás 18.30 horas, cando se reunirá a mesa multisectorial con representantes do Goberno central e da Xunta de Galicia. “É aí onde se teñen que solucionar os problemas. O Executivo dixo onte claramente que quere que se siga producindo aluminio primario en San Cibrao; hoxe a empresa deu respostas esquivas que non nos levan a ningún lado”, asegurou Zan.

O comité sostén que “son o Goberno e a Xunta quenes teñen que obrigar a esta empresa a que esta fábrica siga funcionando, co 100% dos postos de traballo e da produción; xamais podemos deixar que paren as cubas, é inviable”, salientan os sindicatos, que insisten na necesidade “dun marco enerxético estable” asegurado polas Administracións autonómica e estatal que requira “investimentos” ás compañías que se beneficien del.

REUNIÓN CO CONSELLEIRO

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegurou que arrincou un compromiso á Xunta de Galicia na reunión telemática mantida este xoves para que acepte “calquera medida que adopte o Goberno central para salvar a fábrica e non parar as cubas. Estamos aliñeados os tres -as Administracións autonómicas e os sindicatos- e queremos que este martes o Executivo poña unha saída viable para a planta; se é así estaremos todos de acordo”, concluíu.

CONDE PIDE SUBVENCIÓNS ESPECÍFICAS PARA ALCOA E UNHA NOVA POXA DE INTERROMPIBILIDADE

“É o Goberno quen ten que pór solución a este tema e é a Xunta quen ten que apoiala. Que todos remen na mesma dirección e que sexa España quen gañe esta batalla, e non unha multinacional americana que xa decidiu sobre nós e o noso futuro“, advertiu Zan.

Conde, pola súa banda, insistiu en reclamar a aprobación do estatuto das electrointensivas, así como destinar “parte dos fondos de reactivación previstos pola Unión Europea a un plan de investimentos que permita impulsar o conxunto de empresas electrointensivas e salvagardar os postos de traballo”. Finalmente, solicitou unha nova convocatoria da poxa de interrompibilidade “máis sensible ás necesidades da industria”, medidas coas que “habería marxe” para a continuidade da actividade da multinacional.

A CIG CRE QUE ALCOA ACTÚA “CON MALA FE”

Por outra banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que “Alcoa actúa con mala fe, ao precipitar un falso marco de diálogo no que impón o calendario e os asuntos a tratar, coa única decisión de pechar e despedir sen vontade real de buscar solución”.

Xunto a isto, Carril acusou á empresa de desentenderse das consecuencias que a súa decisión ten no emprego das auxiliares, negándose a asumir esta problemática como propia. “Esta é outra razón pola que este marco de negociación non é o axeitado”, aseverou.

Finalmente, instou á Xunta a “exercer competencias” ante a “grave crise industrial que atravesamos” e reclamou dos Gobernos autonómico e estatal “a recuperación do control público do prezo da enerxía e afrontar unha transición enerxética de maneira que sexa realmente xusta tanto social como territorialmente”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here