Pontón asegura que se Alcoa estivese en Madrid “o problema xa estaría resolto”

Tras reunirse co comité de empresa en San Cibrao, a voceira do BNG instou a Feijóo a deixar de buscar "rédito político" e "liderar a alternativa" por unha intervención pública da planta

Pontón e outros representantes do BNG, na súa reunión co comité de Alcoa. AXM

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo na mañá deste luns unha reunión co comité de empresa de Alcoa San Cibrao e con representantes dos traballadores das empresas auxiliares e, logo dese encontro, dixo que se a factoría de produción de aluminio primario “non estivese en Galicia, senón en Madrid, xa estaría resolto” o problema.

En declaracións aos medios de comunicación, Pontón quixo trasladarlles aos traballadores o “apoio” do BNG, ademais de expresar o seu “recoñecemento polo gran éxito” da manifestación que onte tivo lugar en Viveiro, coa participación de entre 17.000 e 25.000 persoas, porque veu demostrar unha vez máis que a comarca da Mariña “está en pé”.

Recordou que a “factoría” de Alcoa “é vital para esta comarca” e comprometeuse a “traballar para darlle futuro”, porque a produción de aluminio primario “é estratéxica” para o país e “se non estivese aquí, en Galicia, se estivese en Madrid, o problema xa estaría resolto”.

“A VENDA PRIVADA NON GARANTE O FUTURO”, AFIRMA

Pontón culpou desta situación a populares e socialistas, ao PP porque “aprobou un marco enerxético que é unha ruína” e ao PSOE porque “non o cambiou” e, ademais, prometeu unha “solución que non chega”.

Entre as “solucións e alternativas” que propón o BNG, a principal é “a intervención pública e a nacionalización da empresa”, porque “a venda privada non garante o futuro”, como quedou de manifesto co sucedido nas plantas de Avilés e A Coruña, argumentou.

“Non aceptamos un non por resposta, e non poden dicir que non se pode facer (a intervención) aqueles mesmos que hai oito anos lle deron 90.000 millóns á banca” e cando o rescate europeo habilita fondos por importe de “160.0000 millóns” que poderían ser aproveitados para situacións como a de Alcoa San Cibrao.

“Parte deses fondos teñen que servir para salvar os postos de traballo, porque se non producimos aluminio o que imos facer é importalo”, razoou.

ACUSA A FEIJÓO DE “CINISMO POLÍTICO”

Pontón tamén instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a que se “implique na solución” e propoña “medidas viables”, porque ata agora estivo “escondido”.

“Non podemos ter a un presidente que leva lez días escondido”, engadiu, porque pensa que “canto peor mellor” para o seu “rédito político a curto prazo”.

Ao seu xuízo, a Xunta de Galicia ten que “liderar a alternativa pola intervención pública” e deixar de lado o exercicio de “cinismo político” realizado polo seu “presidente en funcións”.

SANIDADE

Outra mostra desta actitude, afirmou, é que o presidente da Xunta “se sume agora” á petición de suprimir a taxa de reposición para os traballadores da sanidade e educación. “Dámoslle a benvida”, ironizou.

Pontón, con todo, lembrou que “foi o PP quen puxo esa taxa de reposición que impediu que se contratara máis persoal durante os anos da crise, sendo Feijóo un abandeirado, un alumno aplicado de Montoro nesa medida”.

Tamén considerou que a mencionada medida “foi precisamente a que provocou que o PP deixara nunha situación dramática á sanidade pública, cousa que saben os veciños desta comarca. Hoxe temos menos persoal porque Feijóo o reduciu”, apuntou.

“Feijóo negouse sempre a convocar as 6.000 prazas vacantes que hai no Sergas; unha das dúas medidas que tomaremos (se goberna o BNG) será traballar para esa convocatoria e poñer en marcha un plan de mellora atención primaria, con 200 millóns de euros. A crise do Covid-19 deixa en evidencia que ou temos unha sanidade pública forte ou hai xente que o vai pasar moi mal”, zanxou.

1 COMMENT

  1. E se a miña nai tivese rodas, sería unha bicicleta !

    Pero o gran líder do BNG en Madrid nin siquera o deixan desprazarse a Galicia logo de 88 días preso, nin que veña en bicicleta e con máscara !

    Os argumentos cada día son máis simples e menos de fiar !!! Non temos para pan e imos mercar estampitas ? As 6.000 prazas vainas pagar co seu soldo de Deputada ? Cando non teñen siquera forza de votar contra o estado de alarma en Madrid para presionar no tema de ALCOA !!!

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here