O BNG rexistra no Congreso unha proposta para a nacionalización de Alcoa

Rego considera que se trata dunha decisión "de vontade política" dado que nin o marco normativo galego, nin o estatal nin o europeo "impiden esta solución"

Néstor Rego, no Congreso. AXM

EFE. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou este mércores unha proposición non de lei para reclamar a nacionalización de Alcoa San Cibrao para así “manter os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña Lucense“.

“Nin o marco normativo galego, nin o do Estado nin o da Unión Europea (UE) impiden a nacionalización de Alcoa, polo que esta solución, que permitiría salvar unha comarca enteira, só require da vontade política das administracións”, detallou Rego a través dun comunicado.

O parlamentario nacionalista tamén apuntou que, máis aló “das circunstancias coxunturais do mercado do aluminio“, a principal ameaza para a viabilidade da factoría “son os altos custos da enerxía eléctrica, imprescindible para a produción”.

“É urxente poñer en marcha unha tarifa eléctrica galega que abarate a enerxía para as empresas, facéndoas máis competitivas, e que permita ás familias beneficiarse da riqueza enerxética do seu país: ese sería o único xeito estable e duradeiro de favorecer a viabilidade da industria galega”, proseguiu.

Rego explicou que Galicia é “un país exportador de enerxía eléctrica, que soportou e aínda soporta os custos sociais e ambientais desa produción”, polo que sería “de xustiza” que, en compensación, o territorio galego “puidese regular o seu propio marco enerxético” facendo que o custo “fose menor para consumidores e industria”.

O deputado do BNG tamén reclamou no seu PNL a activación dun Estatuto do Consumidor Electrointensivo “realmente eficaz”, unha iniciativa comprometida polo Goberno central “que aínda non cumpriu” e que permitiría “que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here