CC OO, CIG e UGT convocan unha manifestación en Burela o día 22 por un “futuro” para A Mariña

Os tres sindicatos maioritarios en Galicia alertan do "declive industrial" da comarca e reclaman as Administracións que invistan e actúen de urxencia para "parar a sangría económica e laboral"

Manifestación polo futuro de Alcoa en Viveiro. JUAN MAYA

Comisións Obreiras (CC OO), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores (UGT), os tres sindicatos con representación no comité de empresa de Alcoa San Cibrao e maioritarios a nivel galego, anunciaron nunha rolda de prensa que convocan para o luns 22 de xuño, o primeiro día fóra do estado de alarma, unha manifestación en Burela baixo o lema “Futuro para A Mariña“.

A marcha, que as centrais agardan que sexa multitudinaria, partirá ás 20.00 horas do Hospital Público da Mariña para rematar na Praza do Concello. O motivo, expoñen os sindicatos, é “reclamar das administracións públicas estatal e autonómica
unha resposta inmediata para frear a sangría económica e laboral que padece a comarca”.

“DÉCADAS DE ABANDONO”

Para os convocantes a comarca mariñá leva “décadas de abandono“, a pesares de que tanto o Goberno central como o autonómico “tiñan, e teñen, a obriga de impulsar aquelas infraestruturas e servizos que sistematicamente foron reclamados desde a comarca e nunca atendidos”.

Representantes a nivel comarcal dos tres sindicatos, na rolda de prensa. AXM

Lembran os convocantes que “foron moitas as ocasións nas que se alzou a voz da Mariña para pedir que se invertise nesta comarca, para que a riqueza e a prosperidade non estivese ligada á evolución da empresa que cambiou co seu asentamento a fisionomía da comarca. Pero esas reivindicacións foron sistemáticamente ignoradas”, argumentan.

A autovía A-74, o corredor Costa Norte, a apertura do dique norte do porto de San Cibrao ou mellora das deficiencias do FEVE son algunhas das reclamacións citadas polos sindicatos, “demandas non atendidas e que seguen enquistadas”.

MUEBLES HERMIDA OU COSTIÑA, OUTROS EXEMPLOS

Os sindicatos convocantes afirman que a crise dos sectores tradicionais, da pesca e do agro, e o posterior derrubo do sector inmobiliario e con el da construcción, “foron toques de atención non atendidos, sinais da imperiosa necesidade de poñer sobre a mesa novas potencialidades, novas ferramentas, que servisen como estimulo á implantación de novas empresas que diversificaran o tecido industrial e económico da comarca”.

Neste sentido, as centrais fan fincapé no declive industrial da comarca, sinalando como exemplos “os peches nos últimos anos de varias empresas emblemáticas na comarca, como os máis recentes de Muebles Hermida ou o posible de Costiña“, que supoñen “o prólogo” do “agravamento da situación laboral e social”.

Cartel da convocatoria. AXM

Deste xeito, sosteñen, a recente comunicación de Alcoa do peche da electrólise en aluminio “non fai máis que ratificar a imperiosa necesidade de actuación inmediata. É o momento de actuar e non de pasarse responsabilidades; Xunta e Goberno estatal teñen as competencias e os medios necesarios para facer realidade o que non fixeron en moitos anos”, salientan.

CHAMAN A UNHA MOBILIZACIÓN “PLURAL” E DE “TODA A COMARCA”

Os tres sindicatos aseguran que manteñen “contactos a marchas forzadas” con todos os sectores económicos –comercio, pesca, hostelería, forestal– coa idea de convertir a manifestación “nun acto de toda a sociedade comarcal”, no que teña cabida “toda a pluralidade e diversidade que compón a comarca da Mariña”. É por iso que, a pesar de actuar como convocantes, pretenden que “a manifestación sexa unha marcha de toda a sociedade mariñá, que as persoas sexan as únicas protagonistas desta xornada reivindicativa”.

Conclúen apelando á implicación de todos xa que consideran que “é vital para que os gobernos de Madrid e Santiago visualicen a determinación da Mariña nas reivindicacións, tanto para manter a factoría de alúmina e aluminio activa e garantir os postos que dependen dela, como para asentar as bases para o repunte industrial e económico da Mariña”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here