EFE. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, propuxo este martes poder destinar unha parte dos fondos europeos para os plans de industrialización de empresas que presten “servizos esenciais”, como a planta de Alcoa en San Cibrao.
Ademais, Núñez Feijóo anunciou a disposición do Goberno galego para subscribir “un préstamo participativo e completar o investimento e a modernización necesaria para que Alcoa siga producindo aluminio nas próximas décadas”.
O presidente do Executivo galego explicou, tras reunirse en Santiago durante unhas tres horas con representantes do comité de empresa da planta lucense de aluminio primario, que estas medidas se porían en marcha unha vez que haxa unha tarifa estable da electricidade e que se saiba que a planta seguirá producindo e é viable.
“SEN POXA NON HABERÁ PRODUCIÓN DE ALUMINIO”
Para iso demandou a publicación no BOE canto antes da poxa de interrompibilidade para o segundo semestre do ano, con bloques de 90 megavatios e por un importe de polo menos 275 millóns de euros, unha partida que o Goberno podería poñer a disposición polas emisións de CO2, dixo.
“Se non hai esa poxa e por ese prezo Alcoa non vai poder producir aluminio primario no próximo semestre, o ERE seguirá adiante“, asegurou Núñez Feijóó, que incidiu en que “xa non é un risco”, senón un feito real que máis de mil postos de traballo entre directos e indirectos están en cuestión nas próximas semanas.
PIDE COÑECER O CONTIDO DO ESTATUTO
Outra das medidas precisas para garantir a viabilidade da planta de aluminio é coñecer o estatuto do consumidor electrointensivo do que fala do Goberno pero que é “anónimo, descoñecido”.
En opinión de Núñez Feijóo, ademais, ese estatuto debería incluír as alegacións feitas polos Gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, ademais de organizacións sindicais, para garantir un prezo competitivo da enerxía para os próximos anos para as empresas “hiperelectrointensivas“, entre elas, Alcoa.
A partir de aí, continuou, poderíanse usar os fondos europeos e os préstamos participativos para garantir os investimentos precisos para a modernización da fábrica.
INSISTE EN ATRIBUÍR AO EXECUTIVO UN HIPOTÉTICO PECHE
En calquera caso, o Goberno debe decidir se quere que esta empresa siga producindo aluminio primario en España, unha materia na que o país é deficitario e que o peche da planta da Mariña Lucense faría máis evidente.
“Non hai outra alternativa, é a hora da vedade, hai que saber se o Goberno quere pechar Alcoa ou darlle oportunidades”, insistiu o presidente do Executivo galego, para quen “non existe ningunha xustificación nin razón industrial, económica nin política para que España peche a única industria de aluminio primario, do que xa é deficitaria”.
RECLAMA A PRESENZA DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA NA MESA MULTILATERAL
Núñez Feijóo avanzou, ademais, que esta tarde a Xunta solicitará formalmente a convocatoria dunha reunión da mesa multilateral na que participen a vicepresidenta cuarta e reponsable de Enerxía, Teresa Ribera; a ministra de Industria, Reyes Maroto, a propia Xunta, representantes de Alcoa e do comité de empresa.
O obxectivo desta reunión sería pechar a poxa de interrompibilidade nos próximos días, concretar as alegacións feitas polos Gobernos autonómicos e sindicatos á tarifa eléctrica e ver que parte de fondos europeos e préstamos participativos poden poñer a Xunta e o Goberno sobre a mesa para garantir a viabilidade e o futuro de Alcoa.