Alcoa quere intensificar as reunións do ERE malia non ofrecer alternativa e eludir abordar o marco enerxético

Os sindicatos piden a intervención pola falta de tempo ante unha posible parada de cubas a partir do 24 de xullo, data de remate do período de consultas, e a "intransixencia" da compañía

Protesta dos traballadores este xoves en Lugo. AXM

Alcoa e sindicatos fixaron un mínimo de catro reuniónsos días 2, 9, 14 e 23 de xullo– para abordar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) aberto este xoves pola empresa, que suporía o despedimento de 534 traballadores da planta de aluminio e doutros 400 de empresas auxiliares. O período de consultas finalizaría así, tralo prazo estipulado pola normativa de 30 días naturais, o 24 de xullo.

A negociación formal do ERE en Alcoa San Cibrao iniciouse este xoves, nunha xornada na que a representación dos traballadores comunicou os 13 membros que compoñerán a súa parte.

UNHA REUNIÓN CADA XOVES

Segundo informa Alcoa nun comunicado, no encontro deste xoves aprobouse o calendario de reunións, aínda que a empresa mostra a súa disposición a reunirse “cantas veces sexa necesario dentro destes 30 días” e avoga por “aumentar a frecuencias” destas mesas para “profundar nos asuntos a tratar”.

Sostén que se buscará “o mellor resultado posible para ambas partes” neste proceso de despedimento colectivo, mentres insiste na situación “insostible” para a planta de aluminio en San Cibrao, con “perdas recorrentes”.

Preguntadas sobre que alternativas se poden plantexar distintas ao ERE, fontes de Alcoa non concretan outras posibilidades, aínda que afirma que “non hai ningunha decisión tomada”. Segundo puido saber o Xornal da Mariña, con todo, a dirección da multinacional en España expúxolle aos sindicatos que ten a intención de parar as cubas nada máis remate o proceso de negociación do ERE.

INSISTE EN ATRIBUÍR AO PREZO DA LUZ A SITUACIÓN DA PLANTA

Alcoa insistiu a nivel oficial -tamén este xoves- en alegar “a sobrecapacidade mundial de producción global“, que “exerce unha presión á baixa no prezo do aluminio“, e o “prezo da luz” como causas que xustifican o ERE. Cuestións que probablemente non centrarán a súa exposición de motivos, dado que a primeira é unha cuestión a nivel mundial, que afectaría a outras plantas, e dado que neste contexto a segunda non se sostén, pois o custo da electricidade é moi inferior ao solicitado pola compañía debido á crise do coronavirus. Segundo os sindicatos, a multinacional motiva o ERE “en cuestións organizativas produtivas e económicas”.

Alcoa insiste con todo en que o prezo da enerxía “é coxuntural” e reitera que “San Cibrao é a última con diferenza” das súas plantas por mor do custo da electricidade, “un problema que si é específico en España; senón sería das primeiras”, argumenta. Con todo, a multinacional négase a valorar o que os sindicatos ven como “un punto de partida”, a proposta de plan industrial formulada polo Goberno, a quen os representantes dos traballadores lle piden unha concreción por escrito da oferta. “Non podemos poñernos en situacións que non se deron”, responden fontes da compañía, preguntadas sobre unha posible negociación dese marco co Executivo, de presentar este compromiso con documentos oficiais.

Alcoa reitera que malia que o prezo da enerxía descendeu significativamente, chegando a estar case á metade do exercicio anterior, “o prezo do aluminio tamén caeu, ata un 20%, polo que non compensa”.

A MULTINACIONAL DESENTÉNDESE DAS AUXILIARES

Preguntada sobre situación das empresas auxiliares, onde se estima que o ERE tería un impacto no emprego de 400 despedimentos, con alomenos dez firmas que teñen o 100% dos seus contratos na planta de aluminio, a compañía estadounidense desmárcase desa problemática e remarca que os operarios “non teñen relación contractual” con Alcoa, que contrata “servizos e non traballadores“.

RELATIVIZA AS AXUDAS RECIBIDAS

No tocante ás palabras da ministra de Industria, Reyes Maroto, que acusou á multinacional de pedir “subvencións e subvencións sen un plan industrial“, e afirmou que se Alcoa marcha deberá devolver “38,4 millóns de euros” en materia de compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), a compañía asegura que nos últimos dez anos recibiu “42 millóns de euros en axudas“. Unha cifra que dista moito da ofrecida polo Goberno, que cuantificou en 693 millóns os cartos públicos percibidos pola empresa nese período.

A diferencia entre ambas cifras é que Alcoa négase a considerar como subvención o que moitos ven como unha axuda encuberta do Estado, a poxa de interrompibilidade. Alcoa argumenta que se trata “dunha retribución por un servizo” -o de reducir ou suspender o consumo en momentos de colapso para o sistema eléctrico español- que, con todo, non precisa cantas veces prestou nese intervalo de tempo.

A CIG RECLAMA AO ESTADO MANTER A MESA MULTILATERAL “CON OU SEN ALCOA”

A CIG, pola súa banda, volveu demandar da empresa que retire o expediente e recoñeza a mesa multilateral como o marco onde conseguir que o Goberno español concrete e dea certeza no tempo as súas propostas. 

Neste senso, o secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, sinalou que a proposta presentada polo Ministerio de Industria o pasado martes podería servir como “punto de partida” para avanzar nas solucións ás problemáticas que Alcoa alega para xustificar os despedimentos e o peche da produción de aluminio primario en San Cibrao. “Pero a postura intransixente que está a manter a multinacional, apuntou, “obriga o Goberno español a axilizar ao máximo todas as actuacións para darlle realidade ás medidas, coa multinacional ou sen ela”.

Isto implica, engadiu o secretario xeral da CIG, “que se admitan as nosas achegas para a creación dunha tarifa industrial estable, predicible e competitiva e que se acepte por parte das Administracións, tanto da estatal como da Xunta, a intervención pública como saída”. Unha medida que, expuxo, “é legalmente posible e viable, tal e como se evidencia no informe elaborado pola UdC a petición da CIG”.

Nesta liña, Carril insistiu en que a mesa multilateral debe seguir traballando neste camiño, aínda que Alcoa continúe co seu plan de desmantelamento. “O Ministerio non pode lavarse as mans e deixar todo agora exclusivamente ao que pase na negociación do ERE e do papel da Xunta como autoridade laboral“.

“A XUNTA FAILLE O XOGO Á EMPRESA”, DENUNCIA A CIG

Precisamente, sobre a actuación da Xunta, denunciou que o Goberno galego “lle está a facer o xogo á empresa, cunha postura máis na defensa de que os plans de Alcoa vaian adiante que de manter os empregos e a actividade produtiva en San Cibrao”.

PIDE A DERROGACIÓN DA REFORMA LABORAL

Doutra banda, Paulo Carril tamén criticou que o Executivo estatal manteña vixente a reforma laboral de 2012 que facilita que Alcoa poida executar os despedimentos de maneira unilateral. “De terse derrogado, como se lle reclamou en múltiples ocasións, ou cando menos de ter anulado os artigos referidos aos ERE, a decisión de cando e como aplicar os despedimentos non estaría só en mans da empresa“, sinalou.

CC OO RECLAMA REORIENTAR A PRODUCIÓN AO ALUMINIO VERDE

O líder do sindicato CC OO en Galicia, Ramón Sarmiento, avogou por favorecer que a planta de San Cibrao da multinacional estadounidense Alcoa se converta na produción de “aluminio verde” ao facilitar que poide utilizar enerxía renovable na fabricación dese metal.

Nunha conferencia de prensa xunto ao líder do UGT en Galicia, José Antonio Gómez, Sarmiento indicou que hai capacidade suficiente para que a planta de fabricación de aluminio primario poida usar só enerxía procedentes de plantas hidráulicas e eólicas e non de fontes de combustible fósil.

“Pódese facer 100% con enerxía renovable”, o que a convertería nun exemplo en Europa de produción de “aluminio verde”, destacou Sarmiento.

Considerou que iso a diferenciaría da produción de “aluminio socio” que fabrican Arabia Saudita, China e outros países, aínda que opinou que Alcoa non está pola labor e para iso considerou que será necesario proceder a unha “intervención” estatal da planta.

ALCOA QUERE “DESFACERSE DAS PLANTAS PARA ELEVAR O PREZO DO ALUMINIO”

Os dous dirixentes sindicais consideraron que a dirección de Alcoa parece disposta a desprenderse de plantas de fabricación para favorecer así unha rebaixa da produción e contribuír así a elevar o prezo, xa que actualmente hai un exceso de oferta no mercado.

Ambos coincidiron en que un intervención estatal permitiría ás autoridades reorientar a produción e facilitar unha fabricación máis sostible medioambientalmente.

O aluminio é “un produto de futuro”, afirmou Sarmiento, e sinalou que hai ademais posibilidades de efectuar un tratamento adecuado dos “lodos vermellos” que xera a fábrica, para evitar unha maior contaminación na zona.

Os dous dirixentes sindicais consideraron que a posibilidade de que o Goberno central tome o control da planta para proceder á súa transformación é, ademais, a única posibilidade de que evitar os despedimentos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here