Os obreiros votarán co traxe de faena para reclamar a intervención de Alcoa

O comité esixe ao Goberno central que «se posicione» sobre intervir a planta ante a negativa da multinacional a valorar a proposta de plan industrial

Rolda de prensa do comité de Alcoa. AXM

O comité de Alcoa San Cibrao esixiu ao Goberno central que se «posicione» sobre unha intervención pública da planta, unha vez a compañía renunciou a aceptar o ultimátum lanzado polo Executivo central para que valore a proposta de plan industrial ofrecido para a planta de aluminio, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que implicaría 534 despedimentos na factoría e outros 400 en empresas auxiliares.

Os sindicatos anunciaron en rolda de prensa novas protestas, dentro do contexto sanitario do brote de coronavirus que derivou no peche da Mariña, para aumentar a presión a fin de acadar unha intervención que entenden imprescindible para garantir que non paren as cubas de electrólise e haxa unha posibilidade de manter a produción e o emprego.

“Cremos que é o momento de que o Goberno de España sexa claro con nós e diga se se vai comprometer coa intervención da planta”, afirmou o presidente do comité, José Antonio Zan (CC OO), que lembrou que tanto Partido Popular como BNG, Galicia En Común-Anova Mareas ou a Marea Galeguista, cada partido cos seus diferentes matices, se “amosaron a favor” de que o Executivo central interveña a factoría.

CO PUNTO DE MIRA NO DEBATE NO CONGRESO

A intención é visibilizar a situación da planta de aluminio e presionar a prol dun consenso sobre a intervención pública da mesma de cara ao 14 de xullo, cando o Congreso dos Deputados debaterá unha iniciativa do BNG para a nacionalización da fábrica.

Os sindicatos lembraron que o complexo industrial de San Cibrao “foi a primeira fábrica declarada esencial” polo Goberno central o pasado 30 de marzo, durante o estado de alarma, e que produce “para alimentación e farmacia”. Por estas razóns, argumentaron, o aluminio debe ser considerado sector “estratéxico“, con máis motivo cando a produción da planta sancibrense “supón o 20% do consumo” estatal. “Non podemos depender de fóra, sería un erro gravísimo”, insistiu Zan.

“Non podemos seguir mirando para outro lado e nin podemos seguir aguantando que unha empresa se negue a vender, máxime cando o Goberno anunciou que ten un plan industrial para 10 anos cunha firma de solvencia e proxección europea”, abundou.

SITUACIÓN “DIFÍCIL” PARA A MARIÑA

Os representantes sindicais fan fincapé en que, por “responsabilidade social“, o Goberno debe dar unha resposta e asegurar todos os postos de traballo. Neste sentido, o delegado da CIG, Xosé Paleo, convidou ao Executivo central a “situarse ao lado dos traballadores”.

Os traballadores expoñen a difícil situación que está a atravesar a comarca da Mariña debido á Covid-19 “coas actuais perspectivas económicas pospandemia”, pois “se pecha Alcoa o futuro é impensable”. Ademais, o peche polo brote supuxo “un tiro no medio dun grupo de pombas. Se antes era impensable o futuro da zona, agora máis”, agrega.

CARREIRA REIVINDICATIVA

O primeiro dos actos reivindicativos consistirá en que os obreiros acudirán a votar o vindeiro domingo, día de celebración das eleccións autonómicas, con traxe de faena. “É unha mobilización apolítica e apartidista; o domingo verase o impacto dun posible peche de aluminio na comarca”, resaltaron as centrais con representación no comité, CC OO, CIG e UGT.

Ademais, o luns 13 o persoal completará unha carreira contra o milleiro de despedimentos que provocaría o ERE. Desde as 8.00 horas en diante, cada traballador cubrirá unha distancia dun quilómetro para chegar aos 1.000, un por cada un dos posibles afectados. Os sindicatos anunciaron tamén unha “acción sorpresa” para o martes 14.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here