A A-8, pechada pola néboa á altura do Fiouco por terceiro día consecutivo

A infraestrutura acumula 42 horas seguidas cortada entre Mondoñedo e Abadín, desde as 17.06 horas do pasado luns

Néboa no Fiouco. AXM

EFE. Os densos bancos de néboa que dificultan a visibilidade e condicionan a seguridade dos usuarios manteñen pechada por terceiro día consecutivo a autovía do Cantábrico A-8 ao seu paso polos municipios lucenses de Mondoñedo e Abadín.

Segundo informa a Dirección Xeral de Tráfico, a autovía permanece cortada desde antonte -día 20 de xullo-, ás 17.06 horas, como consecuencia da néboa no Alto do Fiouco, concretamente no tramo comprendido entre os quilómetros 536 e 552. Son así, ao peche desta nova, 42 horas seguidas sen que a infraestrutura preste servizo neste punto.

Como vén sendo habitual nestes casos, habilitáronse os correspondentes desvíos alternativos pola estrada Nacional 634 ao seu paso polo municipio de Mondoñedo.

Precisamente, a finais de xaneiro, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) formalizou sete contratos de investigación e desenvolvemento, mediante o sistema de Compra Pública Precomercial (CPP), para o “deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora” cos que buscar unha solución aos problemas que provoca a néboa nese tramo.

O ministerio explicou que eses contratos comprenden a “demostración da viabilidade das solucións propostas”, dentro da primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora.

A través dese sistema, as empresas que participan neste proceso instalarán os prototipos nun “tramo de proba anexo ao tramo da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta“, co obxectivo de “validar” o sistema proposto “de face á súa futura implantación sobre a estrada para minimizar os efectos adversos producidos no tráfico pola néboa densa”, informou o Ministerio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here