InicioEconomíaO comité pide á Xunta que solicite parar o ERE e ao...

O comité pide á Xunta que solicite parar o ERE e ao Goberno que inclúa a Liberty House na mesa multilateral

Os sindicatos constatan que Alcoa négase a vender aluminio coas cubas operativas e reclaman o amparo das Administracións; este venres reuniranse coa Consellería de Traballo

Publicada o

- Advertisement -

O comité do complexo industrial de San Cibrao solicitou ao Goberno central que convoque canto antes a mesa multilateral polo futuro da planta de aluminio, coa presenza de Liberty House, a multinacional radicada en Gran Bretaña que segundo comunicou Alcoa está interesada en comprar as dúas fábricas de Cervo.

Segundo concretou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, á saída da reunión mantida en Lugo entre Alcoa e os sindicatos dentro da negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional, que suporía máis de 900 despedimentos entre a planta de aluminio e a industria auxiliar, a propia titular do complexo industrial “deunos unha carta do presidente e CEO de Liberty House” na que o grupo “solicita comprar” as dúas factorías de San Cibrao. “Están dispostos a manter o complexo unido e facer un sistema integral do metal en Europa para servir (ás fábricas) a Dunquerque (Francia) e Escocia“.

Malia a entrada no escenario dun comprador, Alcoa mantén que non venderá sen primeiro parar as cubas de electrólise, o que para os obreiros sería consumar “a morte” do complexo. Deste xeito, na xuntanza do proceso, que remataría o 4 de agosto, tampouco houbo acordo. “Queren executar os despedimentos sexa en directo ou en diferido e facer o mesmo que na Coruña e Avilés, coa diferenza de que agora temos un serio competidor industrial querendo mercar o complexo industrial de San Cibrao.

No tocante á planta de alúmina, a multinacional asegura que “non está en venda”, indicou o sindicalista.

“ÁBRESE UN CAMBIO SUBSTANCIAL”, RESALTAN OS OBREIROS

“O primeiro que necesitamos é unha reunión da mesa multilateral á que se debera convidar a este novo socio”, afirmou Zan, que concretou que o vindeiro venres -ás 9.30 horas en Lugo- haberá unha xuntanza coa Consellería de Traballo. “Debemos aclarar toda a problemática, dado que o conselleiro (Francisco Conde) dixo que se había un comprador abríase un cambio substancial polo que se debía paralizar durante un tempo o ERE”, concretou o sindicalista. A Xunta de Galicia, autoridade laboral, non ten potestade para deter o despedimento colectivo, pero si para solicitar a súa suspensión.

SOLICITARÁN UNHA REUNIÓN CO POSIBLE COMPRADOR

Zan apuntou ademais que os sindicatos están “á espera” de poder reunirse co posible comprador para poder avaliar o proxecto en detalle: “o que limos na carta soa ben pero hai que afondar. En calquera caso, que unha empresa tan potente estea interesada nunha venda significa que como planta temos viabilidade”, argumentou o presidente do comité.

Ante unha posible negativa de Alcoa a frear o ERE e negociar unha venda sen parar a maquinaria de electrólise, Zan manifestou que “o primeiro que debera facer o Goberno é intervir a planta; España e a Xunta non poden permitir que unha multinacional peche a única factoría de aluminio primario que hai no país”, rematou, lembrando que a produción permanece recortada nun 11% desde o pasado verán.

CONCENTRACIÓN EN SANTIAGO

O vindeiro venres, os traballadores seguirán os seus actos de protesta por unha solución para a fábrica cunha concentración nocturna en Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...