Conta atrás para Expomar 2021, do 19 ao 22 de maio

A feira náutico pesqueira rematará por primeira vez en sábado para facilitar que participen o maior número de stands

Sinatura do acordo entre a Deputación e Expomar. AXM

A vindeira edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar celebrarase do 19 ao 22 de maio do 2021. Será por primeira vez de mércores a sábado, por cuestións organizativas e prácticas, segundo explicou este mediodía o presidente da entidade organizadora e alcalde de Burela, Alfredo Llano.

Llano explicou que na reunión mantida “a proposta que fixemos hoxe para celebrar a Feira Náutico Pesqueira é os días 19, 20, 21 e 22 de maio de 2021, e paralelamente faranse as xornadas técnicas e o encontro empresarial”.

O presidente da fundación engadiu que “a novidade é que comeza o mércores e remata o sábado, antes remataba o domingo, pero pensamos que é mellor facelo así por cuestións de organización e para favorecer á xente que veña montar os seus stands”.

CONVENIO COA DEPUTACIÓN

Por outra banda, a Deputación de Lugo renovou a colaboración coa Fundación Expomar para impulsar o  sector náutico pesqueiro da Mariña e a comercialización dos produtos do mar. O presidente do goberno provincial, José Tomé, asinou en Burela un convenio co presidente da entidade, a través do cal a institución provincial achega 10.000 euros para apoiar actividades promocionais do sector da pesca como as feiras Expomar e Produart  que desenvolve esta entidade. Na sinatura do convenio estiveron acompañados do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e da concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade e Mar de Burela, Carmela López.

Tomé sinalou que Expomar “xoga un papel moi importante para o dinamismo da economía mariñana e do conxunto de Lugo, e supón un escaparate turístico de primeira orde para dar a coñecer a riqueza de recursos da provincia”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here