Usuarios da liña de ferrocarril Ferrol-Ribadeo denunciaron este luns unha nova cancelación no servizo, neste caso en Ortigueira no tren Oviedo-Ferrol, que sae da capital asturiana ás 7.34 horas para chegar á cidade departamental ás 14.44. Trala avaría do convoi os pasaxeiros foron trasladados aos destinos en autobús, cun atraso considerable, xa que á altura de Ribadeo a demora era de aproximadamente unha hora.
A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo lembra que o norte de Galicia veu reducido o servizo de ancho métrico “nun 75%” desde o inicio da pandemia do coronavirus, dado que con anterioridade facíanse catro percorridos diarios por sentido, mentres que agora só hai un por dirección, condicionando Renfe a recuperación das outras tres viaxes “de aumentar a demanda”.
A agrupación considera que Renfe “está a aproveitase da pandemia para destruír desta maneira os servizos ferroviarios. Lamentarémonos cando nos quiten o tren definitivamente, cando non sexa útil nin para ir ao traballo, nin ao médico, nin ao instituto, nin tampouco para o turismo“, reflexiona o colectivo.